Partía entre a nómina de favoritos á vitoria, pero a competencia era dura. Javier Gómez Noya non puido pasar da undécima posición no Challenge Daytona, en Estados Unidos, no Campionato da PTO (Organización de Triatletas Profesionais) que pasaba por ser a carreira do ano no tríatlon internacional.
O triatleta galego acusou a esixencia do sector ciclista, con 80 quilómetros de percorrido dando voltas ao óvalo do Speedway de Daytona, en Florida, un circuíto automobilístico que non permitía un descanso e que obrigaba a ir permanentemente axustado coa máquina. Así, a pesar de completar un bo tramo de natación (2.000 metros) e ser un dos mellores na carreira a pé (20 quilómetros), quedou a 2 minutos e 45 segundos do gañador, o noruegués Gustav Iden (03 h05:06).
Gómez Noya chegou á primeira transición tras saír da auga na sexta posición, e mantívose preto da cabeza durante os primeiros quiilómetros en bicicleta. De feito no ecuador do segmento ciclista, tras 40 quilómetros, a pesar de ser undécimo só lle separaban 24 segundos do líder, Alistair Brownlee. Con todo o óvalo empezou a atragoárselle a Noya, que se baixou da bici con 3 minutos e 44 segundos de perda, todo un mundo.
Aí deixouse as súas opcións, porque na carreira a pé, tamén a voltas polo óvalo, comezou a remontar. Por arriba Alistair parábase por problemas físicos, e o campión mundial ITU, o francés Vincent Luís, era sancionado, emerxendo desde atrás e como un ciclón Gustav Iden para marchar en solitario cara ao triunfo final recuperando o minuto e medio que perdía ao paso pola última transición.
En canto a Javi, marcaba o terceiro mellor rexistro dos participantes na carreira a pé, o que lle valía para remontar máis de 10 postos e finalizar na úndécima praza cun tempo de 3 horas, 7 minutos e 51 segundos. Non é moco de pavo, e é que non leva os 100.000 dólares do vencedor na incrible bolsa de premios (1 millón de dólares), pero a súa recompensa ao esforzo era premiada con 15.000 dólares.
Xunto a Iden, completaron o podio o estadounidense Matt Hanson e o británico George Goodwin.