A Escola Naval e o CGTD, ao rescate dos clubs afectados polo peche de Rías do Sur

Pontevedra
15 de marzo 2022

O Club Natación Galaico, o Waterpolo Pontevedra e o Galaico  Sincro, con ao redor de 500 deportistas federados nas súas filas, atoparon acomodo momentáneo na Escola Naval Militar e o Centro Galego de Tecnificación Deportiva. Trátase dunha solución temporal que alivia a situación na que se atopaban ante o repentino peche da piscina olímpica

Centro Galego de Tecnificación Deportiva (CGTD)
Centro Galego de Tecnificación Deportiva (CGTD) / Diego Torrado

Foron xornadas de moitas chamadas, correos electrónicos e solicitudes, pero os clubs afectados polo repentino peche da piscina olímpica de Rías do Sur empezan a ver a luz ao final do túnel á espera dunha solución definitiva para a instalación.

Mentres iso non sucede, e para que os preto de 500 deportistas federados cos que contan nas súas filas non queden no dique seco, movéronse para buscar horas de auga noutras piscinas da zona.

Neste sentido a Escola Naval Militar e o Centro  Galego de Tecnificación Deportiva (CGTD) saíron ao rescate das entidades deportivas, coa intermediación do Concello e a Federación Galega de Natación e a colaboración da Secretaría Xeral para o Deporte, xestora do CGTD.

Desta forma o Natación Galaico, o Waterpolo Pontevedra e o Galaico Sincro teñen previsto reiniciar este mesmo martes os seus adestramentos na piscina da Escola Naval Militar de Marín, tras recibir a confirmación necesaria, unha instalación de 33 metros que dará acubillo a un grupo de 40 nadadores do Galaico que necesitan prepararse para as súas próximas competicións, entre as que destaca o Campionato de España Open de Primavera. "Es muy importante que no dejen de tocar agua", recoñece o director técnico do Galaico, Diego Pérez, agradecendo no seu caso a implicación do presidente da Federación Galega de Natación.

Por alí pasarán tamén equipos do Waterpolo Pontevedra e nadadoras dun Galaico Sincro que aínda que con campionatos nacionais no horizonte prefire "centrarnos en la base" dando horas de adestramento ás súas escolas. En todo caso os seus equipos de natación artística tamén atoparon acomodo momentáneo no Centro Galego de Tecnificación  Derpotiva, polo de súpeto ata a primeira das súas competicións nacionais.

Ademais desde o  CGTD o seu director, Jesús López, confirma que "estamos intentando reubicar también a nadadores del Galaico aquí", ao que se suma que o Waterpolo Pontevedra xa era un dos clubs que usaba habitualmente as instalacións, en concreto dous días á semana.

O problema da piscina do centro deportivo é a súa alta ocupación, xa que ademais dos deportistas de tecnificación e rendemento que son bolseiros súmase o servizo que dá á Universidade de Vigo e a clubs da cidade como o Tríatlon Rías Baixas, o SAPO de salvamento acuático, o Natación Pons Vetus ou o Club Natación Sincronizada Pontevedra.

A pesar diso a boa vontade de todas as partes implicadas pesou máis supoñendo todo un balón de osíxenos para os afectados polo peche nun momento crítico para eles.