A escola municipal de atletismo divírtese por Nadal

Pontevedra
17 de decembro 2015

O Pavillón Municipal dos Deportes acolleu o xa tradicional Festival de Nadal da escola de deporte base, xestionada pola Sociedad Gimnástica de Pontevedra

Festival de Nadal da escola municipal de atletismo
Festival de Nadal da escola municipal de atletismo / Cristina Saiz

O Pavillón Municipal dos Deportes acolleu este mércores o xa tracidional Festival de Nadal da escola municipal de atletismo, xestionada pola Sociedad Gimnástica co apoio do Instituto Municipal de Deportes.

Durante a tarde os nenos de 5 a 11 anos que participan na escola de deporte base da entidade, con 75 prazas este ano, puxeron en práctica o aprendido durante os primeiros meses de adestramentos antes de afrontar unhas merecidas vacacións do Nadal.

A cancha do Pavillón converteuse nunha improvisada pista de ateltismo onde se mesturaron os xogos coa práctica de disciplinas atléticas como o salto de lonxitude, carreiras de velocidade, valos ou lanzamento de pelota.

Tras a súa participación nas diferentes probas, os novos atletas recibiron unha recompensa en forma de premio pola súa entrega durante a xornada.