A enésima oportunidade perdida do Pontevedra

Pontevedra
21 de marzo 2022

O Pontevedra Club de Fútbol desaproveitou cinco dos seis picadas do líder Unión Adarve nas nove últimas xornadas, deixándose aínda por riba un punto máis que o seu rival neste período de tempo. A visita dos madrileños a Pasarón preséntase como a última oportunidade de pelexar polo primeiro posto

Rufo laméntase dunha oportunidade perdida no partido entre Pontevedra e Bergantiños en Pasarón
Rufo laméntase dunha oportunidade perdida no partido entre Pontevedra e Bergantiños en Pasarón /

A persecución do liderado, obxectivo que non escondeu ao longo da tempada o Pontevedra Club de Fútbol, foi nos dous últimos meses unha carreira a paso de boi entre os granates e o Unión Adarve, moi diferente á de semanas atrás nas que os dous camiñaban con paso firme na competición.

Durante as últimas 9 xornadas de liga, o Adarve tropezou en seis delas sumando só 13 puntos de 27 posibles (3 vitorias, 4 empates e 2 derrotas), situación que non aproveitou o conxunto pontevedrés para asaltar o primeiro posto. É máis, durante o mesmo período de tempo os de Ángel Rodríguez só sumaron 12 puntos, un menos (3 vitorias, 3 empates e 3 derrotas), o que fixo que a súa desvantaxe co líder sexa de 6 puntos.

En realidade desas seis xornadas na que os madrileños cederon, o Pontevedra só aproveitou unha delas (1-5 contra o Arenteiro no Carballiño) para descontar puntos e colocarse a tiro de pedra, calcando o resto de veces o resultado do seu rival. De feito ese foi o único momento no que pasaron a depender de si mesmos, aínda que os tropezos contra Marino, Llanera e Coruxo deixaron a persecución en pausa.

Xa sexa por erros propios, polémicas arbitrais ou mala fortuna, o certo é que o tempo pasa sen que os granates se acheguen ao obxectivo dando entrada a novos rivais na pelexa como o Navalcarnero, que recortou 5 puntos para empatar co Pontevedra na segunda posición.

Nesta situación e a só oito xornadas para o final da liga, a visita do próximo domingo 27 de marzo (19.00 horas) o Estadio Municipal de Pasarón do Unión Adarve preséntase como a última oportunidade de optar á primeira posición e por tanto ao ascenso directo. Todo o que non sexa vencer ao cadro madrileño (se é posible por dous goles para gañar o average particular) supoñerá xa un obstáculo case insalvable cara a esa meta, quedando iso si na recámara a opción dun play-off no que calquera cousa pode pasar.