O Peixe Galego está a un só paso de volver facer historia, e Marín vibra estes días cos nervios previos ao último e definitivo partido do seu equipo.
Os de Javi Llorente deben defender este sábado (19:30 horas) na pista do Villarrobledo manchego os 16 puntos de renda (87-71) conseguidos no encontro de ida da eliminatoria final polo ascenso á Liga LEB Ouro de baloncesto.
Trátase dunha renda importante pero non definitiva, e iso sábeo o plantel marinense, que deberá render ao máximo se quere ascender por segunda vez na súa historia á segunda categoría a nivel nacional. Sobre todo tendo en conta os precedentes da segunda fase da tempada, onde o Villarrobledo gañou na súa cancha o cadro 'peixe' por 98 a 75.
Todo apoio será importante, tanto nun pavillón albaceteño que será unha caldeira como a distancia, desde casa. Por iso, ante a expectación que levantou a cita, o Concello de Marín anunciou a instalación dunha pantalla xigante para seguir en directo o partido.
A pantalla, cuxa instalación contou co apoio da Secretaría Xeral para o Deporte, estará situada na Alameda, desde onde os seguidores do Peixe Galego poderán seguir a histórica xornada.