A elite nacional do ciclocrós, rumbo a Pontevedra para o Campionato de España

Pontevedra
27 de decembro 2018

Máis de novecentos corredores, entre eles a elite nacional do ciclocrós, estarán en Pontevedra os días 11, 12 e 13 de xaneiro para participar no Campionato de España desta especialidade, a proba máis importante segundo os seus organizadores do calendario nacional

Maillot conmemorativo do Campionato de España de ciclocrós
Maillot conmemorativo do Campionato de España de ciclocrós / PontevedraViva

Máis de novecentos corredores, entre eles a elite nacional do ciclocrós, estarán en Pontevedra os días 11, 12 e 13 de xaneiro para participar no Campionato de España desta especialidade, a proba máis importante segundo os seus organizadores do calendario nacional.

Todos eles, sinalou, "xogaranse moito" neste campionato, no que participarán corredores de categoría cadete a máster-70. Especialmente sinalada será para os que opten a acudir ao Mundial de ciclocrós que se celebrará a finais de xaneiro, porque de Pontevedra sairá a lista dos seleccionados polos técnicos de Federación.

O presidente da Federación Española de Ciclismo, José Luis López Cerrón, explicou que esta especialidade creceu "notablemente" nos últimos anos, o que asegura un "magnífico espectáculo" en Pontevedra.

O circuíto da proba, que será na contorna da Illa das Esculturas e terá tres quilómetros de extensión, "non ten excesiva dificultade" pola orografía do terreo, pero os seus responsables teñen previsto colocar "obstáculos" para que os corredores "non o teñan fácil".

Así, o director deportivo da federación galega, Guillermo Sande, asegurou que o de Pontevedra será un circuíto "atípico", no que ninguén poderá adestrar antes do campionato. Haberá áreas con terra e auga, dúas zonas de escaleiras e unha serie de barreiras artificiais que dificultará, especialmente, o paso por meta en cada volta.

Ademais, os responsables federativos lembraron que nesta especialidade tamén teñen moita importancia as condicións climatolóxicas, polo que "se chove e se embarra todo, será unha proba moi esixente".

O campionato, que terá ao ciclista Óscar Pereiro como padriño, comezará o venres 11 coa proba de relevos por equipos, na que participarán seis corredores de cada autonomía. O sábado día 12 serán as carreiras de categoría máster e o domingo 13 serán as probas en categorías cadete, junior, sub23 e absoluta.

López Cerrón sinalou que resulta "complicado" falar de favoritos ao triunfo, xa que fronte a corredores que teñen grandes opcións como Ismael Esteban, Felipe Ors e Javier Ruiz de Larrinaga hai "moita xente nova que ten posibilidades".

O campionato, ademais de maneira presencial, poderase ver a través do canle La Liga Sports e da TVG, a televisión autonómica galega.