A desescalada no deporte: posible reapertura do CGTD o 11 de maio

Pontevedra
29 de abril 2020

Os plans anunciados polo Goberno non contemplan o regreso dos adestramentos en grupo de equipos como o Pontevedra ata despois do 8 de xuño e a norma deberá matizar que deportistas poderán facer uso das instalacións do centro de tecnificación

Adestramento de triatletas
Adestramento de triatletas / Xan Xiadas

A publicación do plan de desescalada anunciado o martes polo presidente do Goberno serve para disipar de forma parcial algunhas das incógnitas que pesaban sobre o deporte. Segundo as previsións do Goberno, as competicións con deportistas profesionais ou federados volverán estar permitidas, no mellor dos casos, o 25 de maio. Pero antes, os atletas españois irán incorporándose aos poucos a esta nova realidade.

O luns, 4 de maio, comeza a denominada Fase 0 na que volverán estar permitidos os adestramentos individuais de deportistas profesionais e federados, a preparación básica de ligas profesionais e a actividade deportiva sen contacto.

Unha semana máis tarde, coa posta en marcha da Fase 1, autorizaranse os adestramentos en grupos reducidos e a reapertura dos centros de alto rendemento. Un feito que pode marcar o inicio do regreso á normalidade no deporte pontevedrés, aínda que requirirá información específica por parte dos responsables políticos.

O Centro Galego de Tecnificación Deportiva de Pontevedra non está considerado un centro de alto rendemento, aínda que nas súas instalacións adestren deportistas de elite. Responsables das disciplinas que se imparten neste centro esperan que as autoridades permitan o regreso dos atletas sénior para retomar a súa preparación ante o posible regreso das competicións de ámbito nacional ou internacional durante ou despois do verán. Mentres que asumen que os deportistas en idade escolar non poderán regresar á súa rutina de tecnificación ata, polo menos, o mes de setembro.

Se o control da pandemia evoluciona favorablemente, o 25 de maio está previsto o inicio da Fase 2, na que o plantel do Pontevedra CF, por exemplo, podería retomar os adestramentos de forma individual, a partir do 8 de xuño, en grupos reducidos; e nunca antes do 22 de xuño, adestramentos completos. 

No referente ao deporte afeccionado, a poboación en xeral poderá saír á rúa para practicar deporte individual respectando a distancia entre persoas desde o 4 de maio, mentres que coa Fase 1 chegarán as actividades deportivas sen contacto como o tenis. Con todo, os cambios de fase dependerán da evolución da pandemia e poderá haber variacións en función das provincias.