A derrota de España fronte a Italia non embaza a festa do fútbol feminino en Pasarón

Pontevedra
01 de decembro 2023

Milleiros de afeccionados tiveron a oportunidade de gozar coas campioas do mundo e de ver á súa veciña Teresa Abelleira xogando na súa terra. Corearon o seu nome, ovacionárona desde o minuto uno e acompañárona neste partido tan especial para ela no que, a pesar da derrota, lograron selar a súa clasificación para a fase final da Liga de Nacións

Partido da Liga de Nacións entre España e Italia en Pasarón
Partido da Liga de Nacións entre España e Italia en Pasarón /

A afección pontevedresa quedou co mel nos beizos e non puido gozar dun triunfo da Selección Española ante Italia no Estadio Municipal de Pasarón.

Milleiros de afeccionados tiveron a oportunidade de gozar coas campioas do mundo e de ver á súa veciña Teresa Abelleira xogando na súa terra.Corearon o seu nome, ovacionárona desde o minuto uno e acompañárona neste partido tan especial para ela no que, a pesar da derrota, lograron selar a súa clasificación para a fase final da Liga de Nacións e están un pouco máis preto de disputar os Xogos Olímpicos de París 2024 xa que Suecia perdeu ante Suíza.

En canto ao encontro, a primeira chegada perigosa foi para Italia, cun chute desde a media lúa de Boattin tras un saque de esquina. 

E ata aí chegou o perigo das italianas no primeiro acto. Athenea avisou cun disparo moi escorado e a Mariona anuláronlle un gol por fóra de xogo. Segundos despois volveuno a tentar a mallorquina cun disparo desde dentro da área, Guiliani sacou a man e despexou. Era só un aviso.

España xa facía o seu xogo e combinaba, pero soamente faltaba o gol. E cando por fin logrou facer unha longa posesión, chegou o premio. Combinación en banda esquerda, Aitana abriu a banda dereita cara a Athenea, que recortou ao seu par e fixo o 1-0.

Co marcador en contra, a selección italiana subiu liñas en busca do gol do empate, pero non foi ata despois do descanso cando o 1-1 subiu ao marcador.

Montse Tomé deu entrada a Lucía García e Esther González, pero España entrou con 10 ao terreo de xogo, sacou de centro e Italia aproveitou o erro, colleu desprevida á defensa da vermella e Valentina Giancinti devolveu as táboas.

Tentou España a reacción con dous remates de Laia Aleixandri tras saque de córner, pero volveu conceder dentro da área e as italianas non perdoaron. Centro desde banda dereita e Ona Batlle non chegou a tapar a Giancinti, que cabeceou a pracer ao interior da rede.

Poucos minutos despois, a selección Azzurra devolveu o golpe aproveitando outro erro de marca. Saque de esquina e a capitá Elena Linari, practicamente sen oposición, subiu o 1-3 que deixaba a España completamente noqueada.

Necesitaban as locais un gol que as metese no partido e a punto estivo Tere de logralo, pero o seu disparo deu no traveseiro. A afección de Pasarón cantou o case gol e a pontevedresa recibiu o xute de enerxía que necesitaba para afrontar os últimos 20 minutos de partido e converteuse nunha das protagonistas do seguinte gol de España. Roubou en tres cuartos de campo, viu a Esther entre centrais e envioulle un pase filtrado que a granadina enviou a gol.

Tivo pouco despois Galli o tanto da sentenza cun potente chute desde a media lúa que ía con toda a intención, pero Cata Coll, cunha boa estirada, evitouno.

Quería España gozar dunha vitoria ante a súa xente, pero non puido ser a pesar de que o tentaron con máis corazón que con cabeza.

ESPAÑA (2): Cata Coll, Ona Batlle, Tere Abelleira, Irene Paredes (Ivana Andrés, 67'), Aitana Bonmatí (Esther González, 46'), Salma Paralluelo, Mariona Caldentey, Jenni Hermoso, Laia Aleixandri, Olga Carmona e Athenea del Castillo (Lucía García, 46').

ITALIA (3): Laura Guiliani, Valentina Bergamaschi, Elena Linari, Manuela Giugliano (Aurora Galli, 70'), Valentina Giancinti (Michaela Cantore, 55'), Lucia dei Guglielmo (Cecilia Salvai, 91'), Giulia Dragoni  (Sofia Cantore, 55'), Lisa Boattin, Arianna Caruso, Mariña Lenzini e Michela Cambiaghi (Martina Piemonte, 91').

Goles: 1-0, min. 12, Athenea. 1-1, min. 46, Valentina Giancinti. 1-2, min. 57, Cambiaghi. 1-3, min 58, Elena Linari. 2-3, min. 76, Esther González.

Árbitras: Antoniou Eleni, Komisopoulou Xeorxia e Tsiklitari Vasilia, de Grecia. Amoestaron a Ivana Andrés e Lucía García na Selección Española.

Incidencias: Partido da UEFA Women's Nations League entre España e Italia disputado no Estadio Municipal de Pasarón ante 9.212 espectadores.