O goberno da Deputación aproba esta semana as subvencións a clubs náuticos da provincia que participan en competicións oficiais de ámbito náutico. Serán en total 500.000 euros que chegarán a 51 entidades deportivas de 23 concellos da provincia das modalidades de piragüismo (280.000 euros para 27 clubs), remo (145.000 euros para 15 clubs) e vela (75.000 euros para 9 clubs).
As concesións lévanse a cabo mediante concorrencia competitiva valorándose o orzamento dos gastos subvencionables presentados por cada entidade e número de licencias federativas, entre as que a institución provincial valorou de xeito especial as licencias femininas ou as de deporte adaptado.
Os fondos provinciais chegarán á comarca do Salnés con máis de 120.000 euros para 12 clubs repartidos entre 2 de Sanxenxo; outros dous de Vilagarcía; tres do Grove; e un de Cambados; un de Catoira; un da Illa de Arousa; un de Pontecesures e un de Ribadumia. Tamén se aprobarán recursos para 12 clubs da comarca de Pontevedra entre os que se repartirán case 110.000 euros para tres clubs de Marín; un de Caldas de Reis, dous de Poio; catro de Pontevedra, dous de Vilaboa e un de Bueu. O resto corresponden a entidades da zona sur da provincia.