A Deputación presume do bo facer dos equipos profesionais femininos da provincia

Pontevedra
23 de marzo 2023

A presidenta Carmela Silva recoñeceu o traballo de clubs como o Farto, Poio Pescamar, Marín Futsal, Balonmán Porriño e Atlético Guardés e conversou sobre a saúde e o potencial do deporte feminino con deportistas de cada un destes clubs

Carmela Silva recibe na Deputación a representantes dos clubes deportivos profesionais femininos da provincia
Carmela Silva recibe na Deputación a representantes dos clubes deportivos profesionais femininos da provincia / Mónica Patxot

O vestíbulo do Pazo Provincial foi escenario este xoves dun acto de recoñecemento aos clubs deportivos profesionais femininos da provincia de Pontevedra. Representantes do Farto, Balonmán Porriño, Marín Futsal, Atlético Guardés e Poio Pescamar intercambiaron reflexións coa presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, sobre a saúde e o futuro do deporte feminino na provincia.

"Somos a provincia do deporte e as mulleres non deixan de darnos alegrías. Poucas provincias teñen tantos equipos na elite", comezou a mandataria socialista un discurso no que deu a benvida a todas as deportistas. Tampouco se esqueceu a dirixente de destacar o traballo realizado polos clubs que "apostan polo deporte feminino".

Á marxe dos grandes resultados que colleitan tempada tras tempada, Silva fixo fincapé na capacidade destas deportistas para "rachar estereotipos". Neste sentido, confesou que na súa mocidade, Carmela Silva non tivo a oportunidade de practicar ningún deporte porque "non tiña referentes". "Só gozabamos dos deportes que practicaban os nosos irmáns ou os nosos mozos, nós eramos ás que íamos velos", lamentou.

Antes de dar paso a cada unha das representantes dos clubs, Carmela Silva quixo facer unha mención especial para as tres xogadoras de fútbol sala que acaban de proclamarse campioas de Europa: Silvia Aguete, Ale de Paz e Luci Gómez.

A primeira en tomar a palabra foi a ciclista do Farto Pilar Jiménez para, como o resto das súas compañeiras, agradecer o apoio da Deputación e destacar que "todo o deporte feminino está en auxe". Neste sentido, o seu equipo tratará de aproveitar o escaparate da próxima Volta a España para demostrar todo o potencial do ciclismo feminino pontevedrés. "Imos dar a cara por todo o que loitamos día a día", rematou. Nunha liña similar pronunciáronse Danielle Sousa, do Poio Pescamar; Aitana Santomé, do Balonmán Porriño; ou Marisol Carratú, a capitá do Atlético Guardés.

Máis profundo foi a mensaxe de Silvia Aguete, a veterana porteira do Marín Futsal e da Selección Española, mostrou o seu firme compromiso en seguir traballando duro para "ser referentes das nenas", dixo despois de poñer en valor o apoio das institucións para poder "competir nas mellores condicións".

Antes da tradicional foto de grupo, Carmela Silva volveu coller o micro para expresar a súa admiración non só pola calidade competitiva de todas as deportistas, senón pola súa calidade humana. "Ademais de deportistas incribles sodes listas. Mulleres así cambian o mundo", concluíu a presidenta coa firme convicción de que ten que haber máis apoio ao deporte feminino.