A Deputación de Pontevedra vén de aprobar en Xunta de Goberno o incremento de 200.000 euros para as axudas aos clubs deportivos e federacións da provincia.
Segundo anunciou o presidente provincial, Luis López, en total destinaranse 500.000 euros dos cales 200.000 serán para que as entidades deportivas poidan organizar competicións ou eventos deportivos.
López explicou que por medio destes recursos os clubs e federacións poderán sufragar gastos federativos, gastos de viaxe, de organización, publicitarios, sanitarios e gastos de material ou de premios a través de dúas liñas.
Por unha banda, a liña dotada con 300.000 euros destinarase á realización de competicións deportivas federadas oficiais de ámbito estatal ou internacional como poden campionatos ou copas de España ou do mundo e competicións deportivas oficiais de alto nivel. O máximo subvencionable será de 25.000 euros ou do 60% do orzamento.
Pola outra, a liña dotada con 200.000 euros servirá para financiar a realización de competicións deportivas oficiais e non oficiais, de todos os ámbitos territoriais, non incluídas na liña anterior. Neste caso, o máximo subvencionable é de 6.000 euros ou o 60% do orzamento.
Esta liña de axudas súmase ao plan extraordinario de infraestruturas deportivas, dotado con 4 millóns de euros, así como ás axudas a deportistas de alto nivel, o patrocinio de grandes eventos deportivos -como La Vuelta a España ou o partido da Selección absoluta masculina de Balonmán, Los Hispanos, contra Serbia o vindeiro 8 de maio en Lalín- e o fomento do turismo deportivo.