A Deputación aproba novas bolsas para deportistas por 225.000 euros

Pontevedra
25 de decembro 2021

As achegas servirán apoiar a atletas de renome internacional como Martín de la Puente, Támara Echegoyen ou Gustavo Rodríguez

Támara Echegoyen, durante a última etapa da Volvo Ocean Race
Támara Echegoyen, durante a última etapa da Volvo Ocean Race / Ugo Fonolla / Volvo Ocean Race

A Deputación de Pontevedra vén de aprobar a concesión das bolsas da segunda convocatoria das marcas provinciais "Depo Dan" e "Depo Promesa". 

Nesta ocasión a Xunta de Goberno deu luz verde a 23 subvencións por un total de 25.850 euros. Estes fondos, sumados aos 199.000 euros concedidos na primeira convocatoria, fan que os deportistas recoñecidos con estas marcas conten neste 2021 cun total de 224.850 euros da institución provincial.

Este é o terceiro ano que a Deputación outorga as bolsas "Depo Dan" e "Depo Promesa", para as que realizou unha segunda convocatoria posto que moitos deportistas da provincia non puideron facer as súas solicitudes na primeira quenda por atoparse en grupos burbulla antes das olimpíadas ou mesmo estar en Tokio.

Con estas achegas súmanse á marca provincial deportistas de 11 concellos, algúns de renome internacional como Martín de la Puente, Támara Echegoyen ou Gustavo Rodríguez.

Con estas novas 23 incorporacións a Deputación suma un total de 204 deportistas becados (155 na categoría "Depo Dan" e 49 en "Depo Promesa"), das que 84 son mulleres.

Ademais, as achegas servirán para apoiar e posibilitar a súa participación nas competicións internacionais e nacionais e axudarlles a conseguir as súas metas deportivas.