A Deputación adianta case 3 millóns de euros en axudas deportivas

Pontevedra
27 de abril 2020

A institución provincial informa que nos próximos días publicarase a relación deste ano dos 259 deportistas que entrarán na marca provincial de excelencia DepoDan e DepoPromesa e optarán a bolsas dun total de 250.000 euros

Partido entre Coruxo e Pontevedra no Vao
Partido entre Coruxo e Pontevedra no Vao / Diego Torrado

A Deputación de Pontevedra decidiu axilizar e adiantar as súas liñas de subvencións para axudar aos clubs e deportistas durante a alerta sanitaria que se está vivindo polo coronavirus.

Estas medidas, supoñen case 3 millóns de euros e favorecen tanto ás entidades que traballan polo deporte de alta competición, como aqueles que promoven o deporte basee, revalidando a importancia da práctica deportiva como transmisor de hábitos e estilos de vida saudable, sinala a institución provincial.

Nesta liña, a Deputación informa que xa están aprobadas as axudas aos clubs de alta competición da provincia e nos próximos días publicarase a relación deste ano dos 259 deportistas que entrarán na marca provincial de excelencia DepoDan e DepoPromesa e optarán a bolsas dun total de 250.000 euros.

Así mesmo, están publicadas as bases para os equipos e entidades que compiten en categoría inferior á nacional e o luns estarán as de categoría nacional e as de ámbito náutico.

Convenios elite

Os clubs da comarca que militan en alta competición e que teñen aprobadas as axudas da Deputación por 632.500 euros son:

  • Pontevedra CF (Fútbol 2ª División B),
  • Supermercados Froiz (Ciclismo),
  • Peixefresco Marín (Baloncesto),
  • Sociedade Ximnástica de Pontevedra (Atletismo División de Honra), 
  • Poio Pescamar (Fútbol sala 1ª División Feminino)
  • Tenis de Mesa Monte Porreiro (Superdivisión).

Outras liñas de axudas

A estas subvencións hai que sumarlle os 575.000 euros para as entidades deportivas de ámbito inferior ao nacional e os 100.000 euros para os clubs de fútbol que compiten en categoría preferente.

Pola súa banda, para os clubs deportivos federados que participan en categoría nacional e os equipos de Terceira división de fútbol destinaráselles 775.000, e o prazo de solicitude abrirá cando finalice o estado de alarma.

Finalmente, para os clubs federados de deporte náutico, nas modalidades de remo, vela e piragüismo, as axudas serán de 500.000 euros, e poderán solicitalas cando termine o estado de alarma.