Lourido vivirá o vindeiro sábado 12 de febreiro unha xornada deportiva coa celebración do IV Dúatlon Movéndonos por Poio.
A proba, organizada polo Club Tríatlon Poio, contará coa participación de preto de 300 atletas nas súas diferentes categorías a partir das 15.00 horas da tarde.
"Ano tras ano, esta proba foise consolidando dentro do calendario de competicións de Galicia, como demostra o feito de que en cada edición toman parte deportistas de todo o país", sinalou na presentación do evento a edil de Deportes, Marga Caldas.
O percorrido da carreira constará de 5,5 quilómetros de carreira a pé, 17 quilómetros de bicicleta e de novo un tramo a pé final de 2,75 quilómetros ata chegar á meta. Todo iso polas inmediacións de Lourido nun enclave ""que é ideal, dadas as súas características, para acoller este tipo de eventos", sinalaron os responsables do dúatlon.
A competición ten previsto comezar ás 15.00 horas coa primeira saída, estando fixadas as probas absolutas tanto masculina como feminina ás 17.00 e ás 17.15 horas da tarde respectivamente.