Os piragüistas da modalidade de maratón clasificados no complexo deportivo David Cal de Verducido hai uns meses quedarán sen disputar o Campionato de Europa que se celebrará en Moscova do 9 ao 11 de xullo debido á renuncia da Federación Española a participar.
Segundo anunciou a RFEP, esta decisión débese á actual situación sanitaria marcada pola pandemia da covid-19. A evolución tan pouco favorable da pandemia nos últimos días obrigou ao Comité de Maratón da Federación reunirse de urxencia e cancelar a viaxe do combinado nacional a Rusia, que estaba previsto para os días 6 e 12 de xullo.
"Asuntos Exteriores, na súa páxina web de recomendacións de viaxe, precisa que a data 30 de xuño non se recomenda viaxar a Rusia, salvo casos de estrita necesidade", sinala a RFEP á vez que explica que a compañía alemá coa que tiñan previsto viaxar cancelou os voos con todo o territorio.
Este contratempo bota por terra o traballo dos clasificados españois entre os que se atopan os piragüistas da EP Ciudad de Pontevedra Jenifer Casal e Jaime Duro; Tono Campos, Diego Romero, Tania Álvarez, Marta Mourelos, do Breogán; Fernando Busto e Rosalía García, do As Torres-Romaría Vikinga; Joaquín Iglesias e Adrián Prada, do CP Verducido- Pontillón; Lua Cubiela, do O Muíño, e Sara Durán, do CP Portonovo.