O Team Thunder, en colaboración da Federación Galega de Boxeo, ultima os detalles para o que será unha gran xornada deportiva na estrea da Copa Galicia.
A primeira edición desta competición celebrarase o sábado 28 de outubro, a partir das 20:00 horas, no pavillón marinense da Cañota.
Os afeccionados a este deporte poderán gozar de ata oito combates, empezando por tres duelos denominados 'superfights' con púxiles locais. Serán os combates entre Manuel Casalderrey (Brama Box Pontevedra) e Sergio Piñeiro (Team Thunder), Félix Arbizu (Brama Box) contra Martín García (Mat's de Marín) e Darío Silveira (La Vieja Escuela Vigo) contra Aarón Caldas (Mat's).
O resto de duelos enfrontarán a membros das seleccións de Galicia e Cataluña. O vigués Kike García abrirá as hostilidades contra Manuel Pérez, José Martínez enfrontarase a Víctor Vega, o marinense Abel Ferreira combaterá con Stephen Aighewi, Alberto Loureiro farao con Antonio Cortés e pechará o cartel o local Aarón González ante o catalán Iván Franco.
As entradas para o evento (10 euros anticipada e 12 euros en despacho de billetes), poden adquirirse no Café Nave, Five Sport, Celtic Box en Sanxenxo e La Vieja Escuela de Vigo.