A defensa do título de campión da Copa Federación comeza para o Pontevedra co encontro de ida dos dezaseisavos de final da competición.
A Unión Popular de Langreo, actual décimo clasificado do Grupo II da Segunda División B, visita este mércores (20:00 horas) o Estadio Municipal de Pasarón.
Será a ocasión de ver en acción aos futbolistas que menos minutos acumularon ata a data en liga e tamén a xogadores da canteira que completarán a convocatoria.
Esa é polo menos a intención manifestada por Luismi, que mantivo sen cambios o plan semanal de traballo con xornada de descanso o martes e adestramento o mesmo mércores para avanzar na preparación do choque do próximo domingo en liga ante o Coruxo.
A directiva do Pontevedra fixou as entradas para presenciar o choque ante o Langreo en 5 euros para os abonados e 10 euros para os non abonados. Non pagarán os socios 'plus' e tampouco os seguidores menores de 16 anos.
A volta da eliminatoria ante o cadro asturiano fixouse para o mércores día 5 de decembro.