Sen alardes e reservando forzas. Rápido de Bouzas e Pontevedra afrontaron o partido de ida da súa eliminatoria de Copa Federación coas precaucións lóxicas e a mirada posta no seu principal obxectivo, que é a liga, aproveitando a oportunidade para dar minutos aos xogadores menos habituais incluíndo nos respectivos onces varios xuvenís.
As traxectorias sorprendentes e opostas de ambos os equipos no torneo da regularidade non tiveron reflexo nun partido entretido en pequenas fases, pero aburrido na súa maior parte e con escasas oportunidades de gol, no que o Pontevedra tomou vantaxe na eliminatoria de fronte ao partido de volta a disputar en Pasarón, obtendo un pequeno respiro en forma de dose de confianza.
Necesitaban os granates reencontrarse coas sensacións dunha vitoria e lográrono grazas a un gol de Carlos Ramos, conseguido ao transformar un claro penalti mediado o segundo tempo, cometido por unhas inxenuas mans dun defensor local.
Igualdade case absoluta durante os 90 minutos, con apenas unha ocasión por bando, a do gol visitante e unha por parte do Bouzas, cunha parede pola banda esquerda na que Coti fallou na entrega cando estaba en moi boa posición.
A eliminatoria, aínda que favorable agora aos de Luisito, resolverase no partido de volta en Pasarón o 13 de decembro.
CLUB RÁPIDO DE BOUZAS (0): Alan; Adrián, Junior, Trigueros, Coti; Claudio García, Nogueira, Serra, Yago Pérez; Pablo Carnero e Campello. Tamén xogaron: Isma, Ruxi e David.
PONTEVEDRA CF (1): Anxo; Juan, Mongil, David Castro, Jimmy; Garrido, Carlos Ramos, Álex Fernández, Mouriño; Berrocal e Ivan Martín. Tamén xogaron: Lezcano, Cantero e Iñaki Martínez.
Árbitro: David Iglesias (Galicia) auxiliado nas bandas por Gabriel Quintairos e David Veloso. Amoestaron a Yago Pérez, no Bouzas, e a Carlos Ramos, no Pontevedra.
Goles: (0-1) Minuto 66: Carlos Ramos, de penalti.
Incidencias: Campo Municipal Baltasar Pujales (Bouzas-Vigo). Partido de ida dos dezaséisavos de final da Copa da Real Federación Española de Fútbol. Menos de media entrada.