A Copa do Mundo de Tríatlon desembarca en Pontevedra: "Aquí están os próximos medallistas olímpicos"

Pontevedra
22 de xullo 2022

A Boa Vila acolle este domingo 24 de xullo unha proba da Copa do Mundo de Tríatlon con "un nivel espectacular" e como antesala á Gran Final das Series Mundiais que se celebrará na cidade en 2023. A carreira foi presentada oficialmente este venres no Concello de Pontevedra

Presentación da Copa do Mundo Pontevedra-Xacobeo de tríatlon
Presentación da Copa do Mundo Pontevedra-Xacobeo de tríatlon / Mónica Patxot

A emoción do mellor tríatlon internacional regresa esta fin de semana a Pontevedra coa Copa do Mundo Pontevedra-Xacobeo, unha competición "excepcional polo nivel dos participantes e porque todos temos en mete que é a antesala da Gran Final das Series Mundiais 2023", recoñeceu este venres na súa presentación oficial o presidente da Federación Española de Tríatlon, José Hidalgo.

"Aquí están os próximos medallistas olímpicos e campións do Mundo", asegurou o presidente federativo rodeado da presidenta da federación internacional (World Triathlon), Marisol Casado; o secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete; a presidenta da Deputación, Carmela Silva; e o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores.

Trátase dun test en todos os sentidos para o que chegará en 2023, pero "temos unha start list espectacular", defenderon na presentación.

Na mesma, co dorsal número 1 por ranking atópase na proba masculina o vigués Antonio Serrat, habitual do Centro Galego de Tecnificación Deportiva. Xunto a el estarán entre outros Genis Grau, campión da Copa do Mundo de Huatulco, ou Sergio Baxter, gañador da Copa de Europa de Holten. Iso a nivel nacional, pero tamén competirán na Boa Vila o marroquí Jawad Abdelmoula, recente pódium en Series Mundiais de Hamburgo, o francés Valentin Morlec, o alemán Jonas Schomburg ou o subcampión de Europa supersprint Barclay Izzard.

No que respecta a a carreira elite feminina ademais das olímpicas nacionais Miriam Casillas e Anna Godoy estarán en liña de saída triatletas como Sofía Aguayo, pódium na Copa de Europa de Coimbra; a alemá Lisa Terscth, bronce nas Series Mundiais de Hamburgo; a tamén xermana Lena Meibner, subcampioa de Europa supersprint en Olsztyn; as francesas Sandra Dodet, Mathilde Gautier e Lea Coninx, a checa Petra Kurikova ou a sueca Tacha Mansson, dobre Campioa do Mundo e de Europa Junior.

A Copa do Mundo de Pontevedra celebrarase o vindeiro domingo 24 de xullo, coa carreira elite feminina ás 10.15 horas da mañá e a proba elite masculina a partir das 13.15 horas.