A Copa de España Cadete, novo evento nacional no encoro de Pontillón do Castro

Pontevedra
23 de maio 2019

A pista do Complexo Deportivo David Cal de Verducido volve ser epicentro do piragüismo nacional coa celebración da Copa de España de 1.000 metros para a categoría cadete

Campionato Galego Infantil e Cadete de Piragüismo
Campionato Galego Infantil e Cadete de Piragüismo / Federación Galega Piragüismo

A actividade non para no Complexo Deportivo David Cal de Pontillón do Castro, en Verducido. En apenas unha semana o encoro pontevedrés foi escenario de eventos de gran importancia no calendario do piragüismo nacional, unha situación que terá continuidade o sábado 25 e o domingo 26 de maio.

Tras o control selectivo organizado pola Real Federación Española de Piragüismo e a Copa de España Absoluta de 200 e 500 metros, tócalle agora a quenda á Copa de España de 1.000 metros para a categoría cadete.

Esta competición, incluída dentro da XVIII Liga Nacional Novas Promesas Sprint, dará comezo sábado a partir das 15:00 horas coas eliminatorias e finais das embarcacións individuais. Pola súa banda o domingo desde as 9:00 horas disputaranse as modalidades de embarcacións de equipo.

Na instalación pontevedresa daranse cita máis de 150 deportistas de 27 clubs, que loitarán por subir todo o máis alto do podio nas probas de K-1, C-1, K-2, C-2,  K-4 e C-4.

A Escuela de Piragüismo Ciudad de Pontevedra preséntase nesta Copa de España como un dos equipos con maior participación e como favorito a ocupar postos de podio.