A 'conexión xerezana' e a Virxe Peregrina dan a vitoria ao Pontevedra en Coruxo (0-1)

Pontevedra
21 de febreiro 2016

Cinco xornadas despois o Pontevedra volve gañar. Fíxoo precisamente fronte ao rival co que comezou a súa escalada na primeira volta. E non sen apuros nin dificultades. Con fútbol na primeira parte. Con moita fortuna na segunda. Un gol de Hugo aos 17 minutos decidiu un partido non exento de polémica, que pon aos de Luisito a tiro de pedra do primeiro obxectivo do ano, os 45 puntos en que se cifra a permanencia

Hugo lánzase ao remate para conseguir o 0-1 do Pontevedra en Coruxo
Hugo lánzase ao remate para conseguir o 0-1 do Pontevedra en Coruxo / Diego Torrado
Rafa Sáez analiza o partido fronte ao Pontevedra /

Cinco xornadas despois o Pontevedra volve gañar. Fíxoo precisamente fronte ao rival co que comezou a súa escalada na primeira volta. E non sen apuros nin dificultades. Con fútbol na primeira parte. Con moita fortuna na segunda. Un gol de Hugo aos 17 minutos decidiu un partido non exento de polémica, que pon aos de Luisito a tiro de pedra do primeiro obxectivo do ano, os 45 puntos en que se cifra a permanencia, e que fixo estalar ao técnico de Teo en sala de prensa, para protestar polo elevado nivel de esixencia e presión á que, segundo el, vese sometido o seu equipo nos últimos tempos.

Moito mérito o realizado ata agora polos granates. Que ninguén perda o norte. Non hai que renunciar a nada, pero tampouco negar o mérito a un grupo de xogadores e corpo técnico que están a realizar unha campaña que supera as máis optimistas expectativas iniciais.

Sen un dominador claro, a primeira parte discorreu entre unha certa superioridade territorial do Coruxo, que unicamente se traducía en forzar saques de esquina (ata seis chegou a lanzar) e o perigo dos catro homes de arriba do Pontevedra. Porque aí estivo a clave do resultado ao descanso. Cando os granates conseguían facer chegar o balón a Jacobo ou Antonio Bello, a sensación de perigo e de que algo podía pasar era permanente.

Así chegou precisamente o gol que adiantaba aos granates, na primeira aproximación seria á área rival. Antonio Bello recibe xunto á liña de fondo, rompe a cintura do seu marcador, Bastos, cun caneo perfecto, e pon un centro medido ao segundo pau, onde aparece Hugo para meter o pé, arroxándose ao chan e bater a Brais, que nada puido facer. A conexión xerezana funcionaba por primeira vez.

Puido chegar o segundo nun roubo de Jacobo, antes da media hora, pero Borjas, que regateara ao meta local, estaba máis adiantado que a defensa, segundo apreciación do asistente, que invalidou a acción.

O Coruxo empuxaba pero sen moito criterio á hora de iniciar as xogadas, e o Pontevedra, que chegaba menos, seguía facéndoo con máis perigo. O seguinte intento foi de Borjas, desde a frontal. O seu disparo saíulle moi centrado e Brais atallou sen dificultade.

A única ocasión de verdadeiro perigo local chegaba por mor dun corner, o talón de aquiles granate no últimos partidos. Botouno Antúnez, a defensa granate despistouse nas marcaxes e Tirane Ba rematou de cabeza absolutamente só desde o bordo da área de meta, pero ao centro, onde Edu respirou aliviado.

O sucedido na segunda metade non tivo nada que ver. Roto o equilibrio táctico na zona ancha dos primeiros 45 minutos, a sensación de perigo do Pontevedra diluíuse e o Coruxo empezou unha especie de acoso constante, sen chegar á derriba, do muro granate. Desde o primeiro instante os vigueses fóronse a por o empate, pero atopáronse con Edu e coa 'Virxe Peregrina', que exerceu de protectora dos intereses pontevedreses.

Certo que as dúas primeiras ocasións serias serían para os de Luisito. Borjas nunha contra encara a Brais, que salva cos pés, e logo o mesmo Borjas cae na área, empuxado claramente por Cifuentes, sen que o árbitro sinale o claro penalti, quizais porque un instante antes perdoara a segunda amarela, nunha entrada imprudente de Pedro García.

A partir de aí, o partido converteuse nun rosario de ocasións desperdiciadas polos de Rafa Sáez. Alberto García, a porta baleira, mandou o seu remate desviado. Pedro Vázquez, con pouco ángulo, pon a proba os reflexos de Edu, que salvou cos pés. O mesmo Pedro Vázquez volva atoparse coa oposición do meta visitante, que rexeita un novo disparo en moi boa posición.

Os saques de esquina eran outro calvario para os granates. Neste segundo tempo cederon oito máis (14 en total) e nun deles Ortiz mandou o balón alto, cando estaba só no segundo pau.

Na recta final reapareceu a polémica. A falta de catro minutos un balón dá no brazo de Hugo dentro da área. Pareceu penalti, pero o colexiado non viu voluntariedad. Como tampouco a viu na última xogada do partido, cando un balón colgado sobre a área visitante golpea no brazo de Pedro García. O Pontevedra rompía así, con traballo e sufrimento, unha xeira de cinco xornadas sen gañar e queda a só tres puntos, unha vitoria, do obxectivo inicial da tempada, 45 puntos, nos que se cifra a salvación.

CORUXO F.C. (0): Brais; Bastos, Cifuentes, Alberto García, Pablo García (Ortiz, minuto 70); Birane Ba, Santi Comesaña; Adrián Armental, Antúnez, Pedro Vázquez; e Rafa Mella.

PONTEVEDRA C.F. (1): Edu; Adrián, Campillo, Capi (Pablo, minuto 51), Verdú; Pedro García, Álex Fernández; Hugo, Jacobo (Jandrín, minuto 65), Antonio Bello (Mouriño, minuto 76); e Borjas.

Árbitro: Fernando Román Román (Castela-León), auxiliado nas bandas por Víctor Gómez Díez e Gorka Mazo Maruri. Amoestou a Pedro Vázquez, Cifuentes e Ortiz, polo Coruxo, e a Antonio Bello, Adrián, Campillo, Pedro García, Jacobo e Hugo, polo Pontevedra.

Goles: (0-1) Minuto 17: Hugo.

Incidencias: Campo do Vao (Coruxo-Vigo). Uns 600 espectadores, con numerosa presenza de seguidores visitantes.