A concellería de Deportes incrementa o seu orzamento en 275.000 euros para afrontar as medidas de prevención da Covid

Pontevedra
07 de xullo 2020

O edil responsable da área, Tino Fernández, explicou que o aumento de orzamento acometerase a través dunha modificación de crédito e liberando partidas asignadas a eventos deportivos que non se puideron celebrar e subvencións nominais

Reunión de Tino Fernández cos clubs deportivos da cidade
Reunión de Tino Fernández cos clubs deportivos da cidade / Concello de Pontevedra

A implantación de medidas de seguridade e prevención obrigadas pola aparición do coronavirus provocarán un incremento no orzamento da concellería de Deportes de Pontevedra.

En concreto Deportes aumentará en 275.000 euros os seus fondos, a maior parte grazas a unha modificación de crédito pero tamén redirixindo achegas que estaban consignadas a outras partidas como eventos non celebrados e subvencións nominais.

Este diñeiro estará dispoñible co dobre obxectivo de facer fronte ás medidas sanitarias e control das instalacións municipais e tamén tentar axilizar o pago das subvencións anuais de 2019, aínda pendentes.

Así o explicou o edil responsable, Tino Fernández, asegurando que pretende reunir esta partida extra entre a modificación de crédito mencionada, remanentes de tesourería por valor de 63.500 euros e unha minoración de crédito por valor de 25.000 euros procedentes da partida consignada a eventos deportivos e saúde.

"Os obxectivos fixados na área de Deportes para o ano 2020 tiveron que adaptarse á nova realidade, o que provoca un incremento de gastos non contemplados en certas aplicacións que dan cobertura económica a cuestións derivadas da hixiene e seguridade nas instalacións e actividades deportivas. Ademais, como é lóxico, tamén se cancelaron ou modificaron moitos programas de promoción da actividade física e o deporte previstos para o presente exercicio. Por este motivo, e para poder adaptar a situación económica á realidade derivada da nova normalidade, así como para desenvolver aqueles obxectivos fixados para este ano, vémonos no deber de incrementar o noso orzamento e de redistribuír determinadas partidas", defendeu Fernández.

Segundo confirmou o goberno local, no aumento orzamentario 38.500 euros estarán orientados ao control e hixiene das instalacións deportivas.