O Club Cisne Balonmán mantén intactas as súas opcións de pelexar polo ascenso á Liga Asobal. De feito a pesar da súa derrota na primeira xornada da segunda fase de competición que fixo que lle superase no táboa o Gualdajara (13 puntos), os de Jabato ocupan aínda a segunda e última praza de ascenso con 12 puntos.
Os pontevedreses están empatados co Barcelona B, que non opta ao salto de categoría, e contan con 2 puntos de vantaxe co Puerto Sagunto, aínda que non é ouro todo o que reloce nos brancos, penalizados durante as últimas semanas coa lesión dun dos homes máis importantes do plantel, Jorge Villamarín.
O gardameta resentiuse do seu xeonllo en xaneiro, antes de reiniciar a competición en 2022, durante un adestramento, e tras apostar por un tratamento conservador para tentar volver canto antes ás canchas de xogo, finalmente pasará polo quirófano para someterse a unha artroscopia esta mesma semana, polo que seguirá de baixa.
Os números desde entón demostran a importancia de Villamarín no equipo cisneísta, xa que desde a súa lesión a media de puntos conseguidos reduciuse de maneira notable.
Co seu porteiro en plena forma o Cisne sumou un inicio de liga espectacular, con 9 vitorias e só unha derrota (en Alcobendas e pola mínima) nas primeiras 10 xornadas. Iso foi antes de finalizar o ano, sendo o último partido oficial de Jorge Villamarín o 11 de decembro na cancha do Atlético Novás.
Desde entón o equipo pontevedrés xogou 9 partidos, cun balance de catro vitorias (Teucro, Villa de Aranda, Zamora e Amenabar Zarautz), dous empates (Soria e Alcobendas) e tres derrotas (Burgos, Guadalajara e a primeira xornada da segunda fase fronte ao Eivissa). En total 10 puntos de 18 posibles con contratan cos 18 de 20 sumados ao comezo de tempada.
Trátase dunha ausenza notable, pero no Cisne traballan para sobrepoñerse a ela co traballo de Pablo González e Juan Novas en portería e tamén da súa liña defensiva, tentando seguir aspirando ao máximo, nun obxectivo que non supón presión para o grupo senón ilusión por poder conseguilo.
Con parón na competición esta fin de semana, os de Jabato non regresarán á competición ata o próximo 26 de marzo, cando visitarán a pista do Trops Málaga, oitavo clasificado na fase polo ascenso con 7 puntos, polos 12 dos pontevedreses.