A boa tempada do Pontevedra Club de Fútbol, na que conseguiu o obxectivo de ascender a Primeira RFEF, trae consigo un premio engadido, e é que os granates son xa a todos os efectos un equipo clasificado para a próxima edición da Copa do Rei.
Despois dun ano de ausencia os granates regresan a un torneo que no seu formato recente a partido único no campo do equipo de menor categoría ofrece a posibilidade de cruzarse en roldas temperás cun rival de Primeira ou Segunda División.
Segundo establecen as bases de competición do Torneo do K.O., a próxima campaña serán 116 os clubs participantes na Copa do Rei, entre os que estarán todos os equipos que compoñen a Liga de Fútbol Profesional (20 de Primeira División e 22 de Segunda) e os cinco primeiros clasificados de cada grupo de Primeira RFEF e da Segunda RFEF, requisito que cumpre o Pontevedra tras finalizar a competición regular no primeiro posto do seu grupo.
A eles sumaranse ademais 25 clubs de Terceira RFEF (os 18 campións de grupo e 7 máis por coeficiente) e os catro semifinalistas da Copa RFEF.
Por último competirán na fase previa da Copa do Rei 20 equipos de ámbito rexional, un por cada delegación territorial salvo Andalucía con dúas prazas, cunha eliminatoria directa a partido único e por criterio de proximidade xeográfica para completar cos 10 gañadores a nómina de clubs que disputarán a primeira rolda do torneo.
Na súa última participación na Copa do Rei, no curso 20-21, o Pontevedra superou na primeira rolda en Pasarón o Cartagena de Segunda División para caer na segunda eliminatoria na quenda de penaltis ante o Cádiz, equipo da máxima categoría.