A presidenta do Pontevedra Club de Fútbol, Lupe Murillo, recoñeceuno en máis dunha ocasión. Poder construír unha cidade deportiva propia para o club granate dentro do municipio "sempre foi o meu soño". Agora, tras anos coa idea en pausa, a chegada ao club de Elías Espiñeira como novo mánager xeral volve poñer sobre a mesa o proxecto.
"Pareime un pouco cando no Concello non nos deron outra alternativa", explica Murillo xustificando a negativa a utilizar o actual campo de herba sintética de Gatomorto e o Raimundo Piñeiro de Lérez. "Ter unhas instalación de dous campos separados 400 metros non é o soño do Pontevedra", xustificou a dirixente. Ademais tras valorar a opción cun equipo e arquitectos descartouse porque "habería que voler un anaco do monte e iso encarecíao moito".
A pesar de todo iso "non descartei totalmente a opción da cidade deportiva", recoñeceu este xoves a presidenta na presentación do novo mánager xeral.
Para ela a mellor opción segue a ser A Xunqueira de Alba. "Se cadra volvo tentalo nesa localización", insiste, aínda que "sigo vendo terreos e teño outro terreo alternativo", avanzou.
A localización é o primeiro e decisivo paso a dar. Despois chegará o financiamento poero "Abanca estaba disposta", asegura Lupe Murillo.
De lograr desbloquear a situación o obxectivo pasa por contruir unha instalación que, como mínimo conte con dous terreos de xogo, un artificial e "un segundo campo de herba natural para que adestre o primeiro equipo, e unha biblioteca para que poidan estudar os nenos da canteira", explicou a máxima mandataria da casa granate.
Un soño que espera que se converta en realidade e para o que puxo deberes ao novo coordinador do club, porque "que saibas Elías que é a miña idea hai moito tempo", sinalou como peche á rolda de prensa celebrada este xoves no Estadio Municipal de Pasarón.