A choiva obriga a reformular o Pro Tour de tríatlon, que se concentra nunha intensiva xornada de sábado

Pontevedra
11 de outubro 2019

As malas previsións do domingo obrigaron a un cambio de última hora co obxectivo de protexer o espectáculo e aos deportistas, cun cartel repleto de grandes nomes como Javier Gómez Noya, Mario Mola, Fernando Alarza, Iván Raña, Anna Godoy, Sara Guerrero, Tamara Gómez ou Ainhoa Murúa, entre outros

Xornada previa ao Pro Tour de tríatlon
Xornada previa ao Pro Tour de tríatlon / Cristina Saiz

Cambio de plans para a estrea do Pro Tour de tríatlon en Pontevedra. As malas previsións meteorolóxicas que se esperan para o domingo obrigaron a variar a programación prevista e cancelar a segunda xornada de competición, concentrando toda a actividade nun 'súper-sábado'.

A Federación Española de Tríatlon tomou este decisión co obxectivo de protexer o espectáculo e á impresionante nómina de deportistas rexistrados, entre os que se atopan os campións mundiais Javier Gómez Noya, Mario Mola e Iván Raña, medallistas como Fernando Alarza e grandes nomes como Antonio Serrat, Ainhoa Murúa, Anna Godoy, Sara Guerrero e Tamara Gómez, entre outros.

Desta forma, a competición elite, cos 40 mellores triatletas nacionais do ano en categoría feminina e masculina, dará comezo xa na matinal deste sábado 12 de outubro, coa disputa de dúas semifinais femininas (12:00 horas) e outras dúas masculinas (13:00 horas) en formato supersprint (200 metros de natación, 10 quilómetros de bicicleta e 2 quilómetros de carreira a pé). 

De aí os 10 mellores de cada semifinal máis os 4 mellores tempos (24 triatletas por categoría), clasificaranse para as finais, compostas por dous tríatlon  supersprint consecutivos e que terán lugar en horario de tarde (17:00 horas a feminina e 18:15 horas a masculina).

"É un formato diferente, moi rápido e curto que non se adapta moito ás miñas condicións, pero é moi espectacular para o público", asegura Javi Gómez Noya, que estará na liña de saída principalmente polo que para el supón competir na casa. "Facelo na casa é unha motivación e quizais o motivo principal polo que estarei na saída", recoñeceu na xornada previa á competición.

O campionísimo galego non se ve para disputar a vitoria, pero defende que dará todo o que leva dentro. "Non teño ningunha expectativa máis aló de ser parte da proba. Non é a miña distancia, non é o momento da tempada idóneo pero unha vez que saes tentar facelo o mellor posible", defendeu ante os medios de comunicación.

Así o cre polo gran nivel que haberá na liña de saída, e que converte o Pro Tour de Pontevedra en "case como unhas mini World Series", recoñeceu o primeiro campión do Mundo nacional, Iván Raña.

O outro ouro mundial, o mallorquín Mario Mola, ve no Pro Tour "una carrera muy exigente y dura, pero tener la ocasión de competir con compañeros y amigos en una prueba tan emocionante va a ser una oportunidad de que la gente disfrute", asegurou.

Tamén será emocionante a carreira feminina, onde "es la primera vez que nos juntamos casi todas las triatleas españolas, y creo que va a ser muy bonito y emocionante", defendeu unha das máximas favoritas á vitoria, Anna Godoy.

Todas as carreiras concentraranse na contorna da Ponte dos Tirantes, nun circuíto técnico pero bonito para o espectador, segundo a opinión dos protagonistas.

A xornada complétase coa celebración do Campionato de España de Tríatlon Contrarreloxo Individual (15:00 horas), no que participarán deportistas de grupos de idade.