A choiva apraza o debut de Jessica Bouzas en Wimbledon

Pontevedra
04 de xullo 2023

A tenista vilagarciá tiña previsto enfrontarse á ucraína Anhelina Kalinina na primeira rolda do aberto británico

Jéssica Bouzas celebra un punto nun partido en Wimbledon
Jéssica Bouzas celebra un punto nun partido en Wimbledon / Wimbledon

O mal tempo está a embazar o arranque da fase final de Wimbledon. Na xornada inaugural do pasado luns a choiva e a falta de luz xa motivou a suspensión de numerosos partidos e este martes volveu a ocorrer.

O contrateiempo afectou esta vez á única representante galega no cadro final. A arousá Jéssica Bouzas tiña previsto debutar este martes na pista número 4 do complexo londiniense All England Lawn, nas que só dúas das pistas ademais da central contan con protección para a choiva, pero as inclemencias meteorolóxicas impedíronllo.

A organización trata agora de reaxustar os horarios dos partidos aprazados nas próximas xornadas comprimindo os horarios ao máximo, algo que pode provocar que os partidos se disputen en dous días distintos.

Bouzas quedou emparellada coa ucraína Anhelina Kalinina, a mellor raqueta do seu país, que ocupa o posto 26 na clasificación WTA.

En total, foron cancelados 26 partidos correspondentes á segunda xornada de competición do aberto británico. Entre as afectadas atópase tamén a española Paula Badosa.