A carreira pola permanencia ponse moi quente

Pontevedra
06 de abril 2023

A falta de oito xornadas para a conclusión da fase regular do grupo I de Primeira Federación, trece equipos están metidos de cheo na loita por fuxir dos cinco postos de descenso a Segunda Federación

Partido entre Pontevedra e Badajoz en Pasarón
Partido entre Pontevedra e Badajoz en Pasarón / David Rodiño

A tempada en Primeira Federación entra na súa recta final e a carreira pola permanencia no grupo I está máis que apertada. Ata trece equipos, do oitavo ao vixésimo, están metidos de cheo na loita por evitar o descenso. A diferenza entre caer en picado ou saltar varios postos na táboa a marca unha simple derrota ou unha vitoria. 

Nin a Cultural Leonesa, oitava con 39 puntos e seis de vantaxe sobre o Linense (décimo sexto con 33), pode relaxarse diante do maratón de enfrontamentos directos que se aveciña neste último tramo de competición

Con oito xornadas por diante, nin sequera o pechacancelas Talavera pode darse por desafiuzado. Os manchegos son os máis descolgados da parte baixa da táboa, pero teñen a salvación a dúas vitorias e enfróntanse nas dúas próximas xornadas a rivais directos como Linense e Unionistas.

O seguinte na táboa é o Pontevedra, ao que as tres vitorias consecutivas como local devolvéronlle a esperanza e situaron aos de Juan Señor a só tres puntos de abandonar a zona de descenso. Con todo, o domingo deben afrontar un dificil partido a domicilio contra o líder Alcorcón. En Santo Domingo só gañou o Racing de Ferrol esta tempada, pero os oleiros non atravesan o seu mellor momento e xa se deixaron puntos en casa contra equipos da zona baixa como o Ceuta. 

Sen descoidar o enfrontamento contra os madrileños, o Pontevedra (19º, 31 puntos) mira de esguello unha serie de seis partidos seguidos contra equipos que están a escapar da queima como Mérida (9º, 39 puntos), San Fernando (13º, 35 puntos), Sanse (12º, 36 puntos), Talavera, (20º, 28 puntos), Unionistas (11º, 39 puntos) e Badaxoz (15º, 34 puntos). De conseguir un bo botín de puntos ante estes rivais dependerá a permanencia dos granates nunha Primeira Federación que pecharán en casa contra o Deportivo, metido tamén na pelexa polo playoff e o ascenso directo. 

Máis apertada está a táboa entre o décimo oitavo e o duodécimo. Entre o Alxeciras (33 puntos) e o Sanse (36) atópanse cinco equipos. Igualados a 33 puntos en postos de descenso están, ademais do equipo gaditano, o Ceuta e o Linense. A salvación márcaa o Badaxoz con 34 puntos e por encima aparece o Fuenlabrada e o San Fernando con 35 puntos.

Un punto máis ten o cadro madrileño, que afronta a parte decisiva da competición nunha mala dinámica con catro puntos conseguidos dun total de 18 e coa visita a un rival directo como o Fuenlabrada que o pode mandar directo aos postos de perigo. 

Cun lixeiro colchón de seis puntos pero sen ter para nada garantida a permanencia están Unionistas, Raio Majadahonda, Mérida e Cultural Leonesa. Aínda que están máis preto da fase de ascenso que do descenso, deben mirar cara abaixo porque os postos de promoción téñenos moito máis lonxe a uns case inalcanzables 13 puntos. Con todo, calquera deste cuarteto pode dar a permanencia por conseguida se conseguen 9 puntos dos 24 que están aínda en xogo.

O apertado da parte baixa da clasificación no grupo I da Primeira Federación, con 13 equipos implicados, contrasta coa situación no grupo II. Os tres últimos clasificados están descolgados a 7 puntos da permanencia. En plena pelexa atópanse Real Unión e A Nucía, en postos de descenso con 34 puntos; así como o Atlético Baleares (15º, 34 puntos), Sabadell (14º, 36 puntos) e Intercity (13º, 37 puntos).

Oito xornadas restan para baixar o pano da segunda campaña deste renovado terceiro chanzo do fútbol nacional. Un final de tempada que promete emocións fortes e que ningún cardiólogo recomendará seguir a pacientes que padezan do corazón.