A Carreira Pedestre de Monte Porreiro, pendente do ceo

Pontevedra
21 de marzo 2017

A quinta edición da proba popular celebrarase o vindeiro domingo 26 de marzo, sendo a última oportunidade para inscribirse no Circuíto de Carreiras Populares 2017

Presentación da V Carreira Pedestre de Monte Porreiro
Presentación da V Carreira Pedestre de Monte Porreiro / PontevedraViva

Monte Porreiro prepárase para acoller o vindeiro domingo, 26 de marzo, a quinta edición da súa carreira pedestre, Gran Premio UNED, e faino pendente das previsións meteorolóxicas confiando en que a choiva lles respecte.

A organización espera que a participacióin rolde o medio milleiro de deportistas na proba absoluta, prevista para as 12:00 horas co percorrido habitual de 8 quilómetros, repartidos en dúas voltas a un circuíto de 4 quilómetros con saída e chegada no Mirador.

Será a última ocasión de inscribirse no Circuíto de Carreiras Populares de Pontevedra 2017, do que forma parte desde a súa creación.

As actividades da Carreira Pedestre de Monte Porreiro complétanse coa competición das categorías inferiores, que poden anotarse o mesmo domingo nas instalacións da UNED e cuxas carreiras comezarán unha hora antes da absoluta.

Á presentación da proba acudiron este martes a concelleira de Deportes, Anxos Riveiro, o presidente da Asociación de Veciños Miradoiro, Carlos Diéguez, a representante da asociación Eva Barreiro, a directora do Centro Asociado á UNED en Pontevedra, Beatriz Rodríguez, e o presidente da Sociedade Ximnástica, Ramón Touza.