A Cañota, ata os topes coa Copa Galicia de boxeo

Marín
18 de marzo 2019

Segundo datos da organización do evento, a cargo do Team Thunder, a celebración da Copa Galicia de Boxeo congregou ao redor 800 persoas no pavillón marinense

Copa Galicia de boxeo no pavillón da Cañota
Copa Galicia de boxeo no pavillón da Cañota / Team Thunder de Marín

Vibrante noite de boxeo a vivida o sábado na Cañota coa celebración da Copa Galicia de Boxeo, que enfrontaba ás seleccións autonómicas de Galicia e Cataluña.

O pavillón marinense vestiu ás súas mellores galas congregando segundo o club organizador, o Team Thunder, ao redor de 800 persoas para presenciar o evento.

Durante a velada disputáronse unha decena de combates, cinco deles correspondentes á Copa Galicia deixando un resultado contundente de 5-0 para o combinado galego.

Kike García, Álex Barros, Goyo Rubio, Alberto Loureiro e o local Aarón González déronlle a vitoria a Galicia ao vencer respectivamente a Luis Rodríguez, Aly Ba, Leo Bonavilla, Erik Carbonel e Víctor Vega.

A noite comezara antes cos combates a nivel rexional con vitorias do vigués Xavier Cacheiro sobre Amancio Martínez (Team Thunder), do marinense Álex Menduíña sobre Darío Silveira, de Simón González sobre Mario Peteiro (Team Thunder), de Alberto Rosales sobre Martín Garrote (Mat's) e de Zaira Corchero, púxil vasca afinacada en Marín, sobre Mónica Aguilera.