A calor de Tokyo asfixia as opcións de Gómez Noya, que finaliza no posto 25

Pontevedra
26 de xullo 2021

O triatleta galego chegaba aos Xogos Olímpicos coa ambición de pelexar polo podio, pero sufriu coas duras condicións nas que se desenvolveu a proba cedendo corda no inicio do último sector, de carreira a pé, e dicindo adeus ás súas opcións de medalla

Javier Gómez Noya, con Fernando Alarza e Mario Mola, durante a proba de tríatlon dos Xogos Olimpicos de Tokyo
Javier Gómez Noya, con Fernando Alarza e Mario Mola, durante a proba de tríatlon dos Xogos Olimpicos de Tokyo / Comité Olímpico Español

As condicións extremas de calor e humidade de Tokyo terminaron por fundir as esperanzas de medalla para Javier Gómez Noya.

O triatleta galego preparara a conciencia a súa terceira experiencia olímpica, concentrándose previamente na illa mexicana de Cozumel, pero ninguén sabía como se podía desenvolver a carreira individual masculina máis aberta dos últimos tempos.

A proba disputábase ás 6.30 horas da mañá en Xapón para minimizar no posible esta circunstancia, aínda que coa auga a 30 graos de temperatura desde o inicio empezou a debuxarse unha carreira de supervivencia.

Gómez Noya sufriu desde o primeiro sector, cunha natación de 1.500 metros que completou no medio do pelotón de participantes a 43 segundos do francés Vincent Luís, un dos homes para seguir. Xunto a el saían da auga os outros dous representantes españois, Mario Mola e Fernando Alarza, quedando encadrados tras a transición no terceiro dos grupos que se formou.

Tocaba remontar nos 40 quilómetros de ciclismo, con 8 voltas a un circuíto moi técnico e cun grupo cabeceiro que pelexaba por manter a súa vantaxe. Nos primeiros xiros esas diferenzas parecían estabilizarse, pero co paso dos quilómetros a boa colaboración entre os perseguidores acabou posibilitando a neutralización pasado o ecuador do sector en bicicleta. Un respiro para o pentacampión mundial en modalidade olímpica e prata en Londres 2012, que se mantiña na pelexa.

Con todo a última transición empezou a marcar o final das súas opcións. Noya non conseguiu colocarse nos primeiros postos do numeroso grupo e saíu lixeiramente atrasado nos compases iniciais dos 10.000 metros de carreira a pé, un grupo no que tampouco entraban Mola e  Alazarza.

Por diante o británico Alex Yee marcaba un ritmo forte co noruegués Blummenfelt ao seu ronsel, e a distancia empezou a facerse insalvable. Era de 22 segundos ao final da primeira das catro voltas de carreira prevista e de 44 ao termo da segunda. As medallas afastábanse irremediablemente.

Ao final Kristian Blummenfelt proclamouse campión olímpico cun tempo de 1:45:04, superando nun bonito final ao británico  Yee e ao neozelandés Hayden Wilde, prata e bronce respectivamente. Javi Gómez Noya pola súa banda non puido pasar do posto 25, entrando en meta 2 minutos e 42 segundos do vencedor.