Lourdes Domínguez despídese de Londres. E fíxoo de forma contundente. A belga Kirsten Flipkens, número 26 do ranking WTA, derrotou a pontevedresa na segunda rolda do torneo por un claro 6-2 e 6-1. Só necesitou cincuenta minutos de partido.
A tenista pontevedresa, que lograra unha magnífica vitoria no seu primeiro partido nas pistas londinienses, non puido superar a xogadora belga, que o ano pasado chegou ata as semifinais deste terceiro Grand Slam da tempada.
No partido, disputado na pista 17 do All England Club, Flipkens non deu opción ningunha a Lourdes. O primeiro set caeu do lado da belga tras 22 minutos de xogo. Á pontevedresa lastrárona os seus erros non forzados, 22 en todo o partido, e unha menor eficacia co servizo que no partido do martes. E a segunda manga non foi moito mellor. Durou apenas 28 minutos e tan só puido completar un xogo.
En todo caso, Lourdes Domínguez, actual número 131 do mundo, iguala con este resultado o seu mellor torneo de Wimbledon. Xa alcanzara a segunda rolda nas edicións de 2010 e 2011. Esta foi a súa sexta participación en Londres.