A pasada fin de semana celebrouse o campionato de España de categoría alevín e infantil de natación artística nas piscinas do Parque do Oeste de Oviedo. Á capital asturiana desprazouse o Galico Sincro co obxectivo de clasificarse para os campionatos de verán de primeira división de ambas as categorías, algo que acabaron logrando a pesar dos problemas que están a ter para adestrar pola situación da piscina de Rías do Sur.
As nadadoras Deva Alonso, Luana Pariente, Maira Pariente, Carolina Pazos, Lucía Riveiro, Iria Riveiro, Sofía Abal, Mariña Calvo e Iván González comezaron o seu campionato o sábado en sesión de mañá realizando as figuras cun total de 304 participantes. Seguidamente levouse a cabo a rutina de dúo mixto alevín cun total de 9 participantes onde os representantes pontevedreses, Mariña Calvo e Iván González, subiron ao podio conseguindo a medalla de bronce.
Xa en sesión de tarde, presentábanse as rutinas combinadas onde o Galaico Sincro acabou no posto vixésimo dun total de 28 rutinas.
As nadadoras de categoría alevín terminaron a súa participación no campionato, despois de realizar as sesións de figuras, dúo mixto e rutina, en cuarta posición, o que lles abre a porta para participar o próximo verán no campionato de primeira división.
En categoría infantil competiron Lucía Arousa, Nayeli Faro, Claudia Fernández, María Ferreiro, Clara Maquieira, Navia Pérez e Daniela Suárez. Comezaron a súa andaina no campionato na sesión de tarde do sábado coas figuras, onde se presentaban 300 nadadores/as en total. Entre todos, destacou Daniela Suárez, que conseguiu a medalla de prata.
Xa o domingo en sesión de mañá se celebraronn as rutinas combinadas cun total de 29 rutinas en total e onde o equipo lerezano debía meterse entre os vinte mellores para conseguir o pase a primeira división. Finalmente, a suma de figuras e rutina colocaron ás infantís en undécima posición do ranking por equipos conseguindo o pase a primeira división.
Ao finalizar o campionato, as pontevedresas Daniela Suárez e Nayeli Faro participaron nas probas de selección para participar na próxima concentración que terá lugar en Madrid no mes de marzo, á que finalmente acudirá Suárez.