A conta atrás para que Pontevedra acolla a Gran Final das Series Mundiais de Tríatlon comezou. A Boa Vila recolleu en Abu Dhabi a testemuña da organización do gran evento do tríatlon mundial, recibindo unha bandeira que lembrará agora ata o próximo mes de setembro de 2023 o que está por chegar.
"Colocaremos a bandeira nun sitio emblemático da cidade", confirmou este martes o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, nunha comparecencia para valorar a expedición ao emirato árabe en "unha viaxe moi produtiva", asegurou.
Trátase dunha competición como nunca antes viuse en Pontevedra, e "queremos que o evento quede como referencia mundial", defendeu Lores lembrando que un dos obxectivos principais será "darlle un valor engadido á Gran Final con eventos paralelos para que sexa unha experiencia diferente", con medidas que pasan desde ofertar paquetes turísticos a organizar concertos e actividades para "tentar que a xente veña antes".
Son máis de 4.000 os deportistas que se esperan en Pontevedra en setembro de 2023, cunha afluencia de "10.000 ou 12.000 persoas". Por todo iso "é un evento que excede á cidade de Pontevedra, é case que para toda as Rías Baixas", defendeu Lores.
Ademais o alcalde destacou que a produción televisiva en directo, da que se encargará Radio Televisión Española (RTVE), chegará a multitude de países, un aspecto que "é inmedible do que vai a supoñer de cara á promoción da cidade".