A ampliación de capital do Pontevedra, paralizada no xulgado

Pontevedra
05 de febreiro 2024

O Xulgado Mercantil Número 1 de Pontevedra estimou unha demanda do grupo opositor ao actual consello de administración granate anulando os acordos adoptados para ampliar o capital social do club. Fontes da entidade de Pasarón defenden que se trata dun defecto de forma que pode ser emendado convocando de novo os accionistas

Xunta xeral de accionistas do Pontevedra CF SAD
Xunta xeral de accionistas do Pontevedra CF SAD / Mónica Patxot

O Xulgado Mercantil Número 1 de Pontevedra freou polo momento a ampliación de capital proposta polo Pontevedra Club de Fútbol e cuxos datos aínda non transcenderan.

Esa prudencia en revelar o resultado da ampliación, publicada no mes de setembro por valor de 373.599,10 euros a través de 533.713 novas accións (ao prezo de 0,70 euros/acción + 0,70 euros de prima de emisión) debíase á presentanción de dúas demandas por parte do grupo empresarial opositor ao actual Consello de Administración granate, a través das empresas Congelados e Conservas Marabal SL e tamén de Investimentos y Geestión Alimenticia SL.

Segundo recolle o fallo xudicial de primeira instancia, con data do pasado 28 de xaneiro e ao que tivo acceso PontevedraViva, declárase nulo tanto o acordo da Xunta Xeral de Accionistas do pasado 28 de xuño no que se daba potestade ao consello de administración para ampliar capital como o acordo do propio consello con data de 1 de setembro no que se daba luz verde á citada ampliación. Ademais condénase ao club de Pasarón ao pago das costas do proceso xudicial, aínda que se trata dunha sentenza que non é firme e que pode ser recorrida nun prazo de 20 días.

En concreto o grupo opositor queixábase na súa demanda de que o seu dereito de información fora vulnerado, ademais de discrepar na contía da ampliación e na prima de emisión das novas accións. Citaba no seu escrito un informe xustificativo do proceso que é a clave para o maxistrado, debido a que no seu razoamento sinala que os opositores "tiñan un dereito, antes da celebración da xunta do 28 de xuño de 2023, a que se lles remitiron tanto o texto íntegro da proposta de delegación da ampliación no consello de administración, como o obrigatorio informe xustificativo", afirmando que "a negación dunha información obrigatoria, que foi debidamente solicitada polo socio antes da celebración da xunta (...) implica, evidentemente, a nulidade do acordo a que dita información solicitada e negada se refería, por ser contrario á lei".

Nos argumentos defendidos polo Pontevedra Club de Fútbol tanto nos seus escritos como na vista previa celebrada o pasado 22 de xaneiro, recolle o texto xudicial que se opoñía ás demandas afirmando que o grupo opositor "terían incorrido nunha confusión, pois se referirían á impugnación dun acordo sobre ampliación de capital, cando realmente ese acordo referiríase á delegación no consello de administración", defendendo ademais que "en relación coas peticións de información, a entidade tería ofrecido as respostas pertinentes, e teríalles convidado a acudir ao domicilio social para consultar os documentos oportunos; onde se lle entregaron copias".

Ademais quéixanse da mala fe da parte demandante debido a que "coñecerían perfectamente a necesidade do Pontevedra CF de proceder a unha ampliación de capital, pois iso sería imprescindible para o sostemento da entidade e para evitar que incorra en causa de disolución".

Consultadas respecto diso, fontes da dirección da entidade granate quixeron trasladar tranquilidade sobre a situación sinalando que se trata dun defecto de forma, aínda recurrible, que será emendada cunha nova convocatoria tanto da Xunta Xeral de Accionistas como do Consello de Administración. 

Cabe sinalar que á ampliación agora paralizada 63 accionistas do Pontevedra exercitaron o seu dereito á compra de novas accións, entre os que non se atopaban as empresas que demandaron a anulación do proceso.