A Alameda de Pontevedra converterase nunha sala de ioga taoista ao aire libre

Pontevedra
03 de xullo 2021

O programa A Vida é Movernos abre o prazo de inscrición para participar nas xornadas de ioga que se desenvolverán os días 10, 17 e 24 de xullo

Presentación do programa A Vida é Movernos no Paseo de Montero Ríos
Presentación do programa A Vida é Movernos no Paseo de Montero Ríos / Concello de Pontevedra

O programa A Vida é Movernos, impulsado pola Concellería de Deportes, Actividade Física e Saúde, abre o prazo de inscrición para participar nas xornadas de ioga taoísta que se desenvolverán os sábados 10, 17 e 24 de xullo na Alameda de Pontevedra.

O concelleiro de Deportes, Tino Fernández, sinala que as clases serán impartidas por Dinorah Batallán, que desenvolverá dúas aulas por xornada, con horarios de 10.30 a 11.30 horas e de 12.00 a 13.00 horas. "Para facer a actividade aconséllase roupa cómoda e, se alguén é frioleiro, que traia unha chaqueta ou unha pequena manta para a fase de relaxación", puntualiza Batallán, que remarca que "non é preciso ter ningún coñecemento previo e pódese inscribir calquera persoa a partir de 7 anos de idade".

Esta disciplina céntrase en traballar tanto o corpo, como a respiración e a mente. "Durante a clase practicaranse diferentes técnicas de traballo corporal, de respiración e relaxación", explica a profesional.

O formulario de reserva de praza pode completarse a través de www.mundotao.com/inscripciones- ponteyoga/ ou a través da páxina web www.mundotao.com.