A 4 Picos Bike & Trail pasa dos 1.300 inscritos para a súa segunda edición

Pontevedra
12 de xaneiro 2016

Máis de 1.200 deportistas anotáronse á modalidade de ciclismo BTT, excedendo a metade das prazas ofertadas cando aínda restan dous meses e medio para que se peche a inscrición. A proba desenvolverase os días 16 e 17 de abril

Primeira edición da Pontevedra 4 Picos Bike & Trail
Primeira edición da Pontevedra 4 Picos Bike & Trail / Diego Torrado

A dous meses e medio de que peche o seu prazo de inscrición, a 4 Picos Bike & Trail vai camiño de completar prazas para a súa segunda edición.

Ata o momento foron xa máis de 1.300 os deportistas anotados, dos cales máis de 1.200 corresponden á modalidade de ciclismo BTT, xa sexa para a versión reducida de 65 quilómetros como a completa de 125 quilómetros.

Isto supón superar a metade das prazas dispoñibles, cota que a organización situou nos 2.400 ciclistas.

Máis amodo avanza a anotación no Trail, que apenas conta con 80 inscritos para as rutas de 17 ou 33 quilómetros.

As inscricións manteranse abertas na web www.magmasports.es ata o 31 de marzo, mentres o evento nesta ocasión dividirase en dous días, o sábado 16 de abril reservado para o BTT e o domingo 17 para o Trail.