8M | O deporte pontevedrés, co Día da Muller: "É día para traballar, educar en igualdade e loitar por un mundo mellor"

08 de marzo 2022

Desde deportistas destacadas como as medallistas olímpicas Teresa Portela e Támara Echegoyen pasando por clubs de diferentes modalidades quixeron mostrar con diferentes mensaxes a súa implicación coa igualdade neste 8 de marzo, Día Internacional da Muller

Teresa Portela, nos Xogos Olímpicos de Tokyo
Teresa Portela, nos Xogos Olímpicos de Tokyo / Comité Olímpico Español

O Día Internacional da Muller vívese con intensidade tamén este 8 de marzo no deporte pontevedrés, con multitude de mensaxes públicas en apoio da igualdade de referentes como as medallistas olímpicas Teresa Portela ou Támara Echegoyen ou con clubs de diferentes modalidades, especialmente desde os que contan cunha estrutura principalmente feminina.

"Día para celebrar todo o conseguido xunt@s, pero tamén é día para traballar, educar en igualdade e loitar por un mundo mellor", sinalaba na súa mensaxe a piragüista Teresa Portela finalizando cun "construíndo soños" acompañado dunha imaxe traballando na súa preparación, centrada na posibilidade de chegar aos Xogos Olímpicos de París 2024.

"Hoxe é o día das loitadoras, das que nunca se renden. Hoxe é o Día Internacional da Muller, loitemos polos seus dereitos e pola igualdade". sinalaba á súa vez o Marín Futsal, mentres o Poio Pescamar defendía que "hoxe non é un día para felicitar, senón para seguir reivindicando. A igualdade faise en cada detalle da nosa vida".