70 embarcacións participarán este sábado 12 na primeira etapa da 54 Regata Rías Baixas de Cruceiros e o municipio de Poio a través de Combarro terá especial protagonismo ao ser o punto de chegada desta primeira xornada. Está previsto que entre as 16.30 e as 19.00 horas chegue a frota ao Porto Deportivo de Combarro para, a continuación, levarse a cabo a entrega de premios.
Este mércores presentábase no Concello de Poio esta regata coa presenza de José Antonio Portela, vicepresidente do Club Náutico de Vigo, organizador deste evento; de Rolando Andrade, presidente da Mariña de Combarro e coa concelleira de Deportes, Marga Caldas.
Os tres coincidiron en sinalar a importancia que ten unha proba destas características na que participan embarcacións portuguesas, vascas, asturianas, andaluces, mallorquinas e galegas, que permanecerán en Poio ata a saída da segunda etapa que será ás 12.30 horas do domingo, con destino A Pobra.
Portela destacou a vistosidade das embarcacións que participan ao contar cunha eslora de entre 11 e 16 metros, facilmente visibles pola ría pontevedresa, ademais de resultar cruceiros máis competitivos desde o punto de vista deportivo e cun maior número de tripulantes. Os organizadores resaltaron que para esa xornada se espera que tanto o vento sexa favorable como que o tempo acompañe para ofrecer un auténtico espectáculo.
Rolando Andrade apuntou a importancia de desestacionalizar as actividades con embarcacións e ofrecer un atractivo turístico-deportivo para Poio a través de eventos como esta regata, que leva pasando por Combarro desde 2010, aínda que este ano será a primeira vez que acolla a etapa de saída.
Pola súa banda, Marga Caldas tamén subliñou que esta convocatoria atrae turismo ao municipio e permite aos participantes procedentes de distintos puntos da Península coñecer unha das contornas máis atractivas turísticamente de Galicia.
A terceira etapa desta proba transcorrerá desde A Pobra ata Sanxenxo e a última trasladará as embarcacións desde este municipio ata Vigo.