6,7 segundos! O gol en propia meta de Churre en Manresa, directo ao libro dos récords

Pontevedra
14 de novembro 2022

O tanto anotado en propia meta polo central é o gol máis rápido na historia das competicións nacionais, segundo os datos do experto en estatística MisterChip, un gol que por fortuna para os granates quedou nunha simple anécdota

Churre, no partido de Copa do Rei en Manresa
Churre, no partido de Copa do Rei en Manresa / CE Manresa

Asubío inicial, balón en longo de Marc Martínez e Churre mete a cabeza para desviar o esférico e afastalo do dianteiro local superando a un Álvaro Cortés que saíra en falso da súa portería. O balón acaba entrando na portería do Pontevedra, aos 6,7 segundos! de partido.

Un gol tan rápido que entrou directamente no libro dos récords do fútbol español, e é que segundo a conta especializada en estatística MisterChip é o tanto máis rápido de toda a historia nunha competición oficial de ámbito nacional. Case nada.

Afortunadamente para o Pontevedra a acción quedou nunha simple anécdota, ao conseguir remontar a contenda o conxunto da Boa Vila, que estará no bombo da segunda eliminatoria de Copa do Rei no sorteo que se celebrará o vindeiro mércores 16 de novembro.

Para o recordo quedará, ademais do pase, un gol de Churre en propia meta que será difícil de esquecer, e de superar.