Marín quenta motores para unha das grandes citas deportivas do ano na vila.
O vindeiro domingo 9 de marzo disputarase nun circuíto habilitado ao longo da Avenida de Ourense o Campionato de España de Marcha Absoluto e Máster na distancia de 35 quilómetros.
Serán "case 300 atletas os que participarán o próximo domingo aquí nas rúas de Marín", confirmou na presentación do evento o presidente da Federación Galega de Atletismo, Iván Sanmartín.
Entre eles serán figuras a seguir os pontevedreses Antía e Daniel Chamosa, presentes na posta de longo, a primeira tras ser parte do equipo español nos últimos Xogos Olímpicos.
"Es un orgullo competir en casa, y eso seguro que nos va a dar fuerza durante la competición", asegurou Daniel Chamosa.
"Ter a oportunidade de ver deportistas de alto nivel coma os que hoxe me acompañan competir neste Campionato de España xutno co resto das figuras do deporte que van a vir a Marín é un privilexio", defendeu pola súa banda a alcaldesa, María Ramallo, acompañada doutras autoridades como o presidente da Deputación, Luís López, e do secretario xeral para o Deporte da Xunta de Galicia, José Ramón Lete.
Xunto ao campionato de 35 quilómetros disputaranse tamén o Campionato de España Marcha Federacións Autonómicas Sub-20 e Sub-18 (10km) e o Sub-16 (5km).
Será todo nunha intensa xornada que arrincará ben cedo, ás 8.30 horas da mañá, coa saída das probas absolutas de 35 quilómetros.