Este mércores 18 de setembro, a Praza da Peregrina acollía a presentación do Campionato de Europa de Ciclocrós, evento deportivo que se desenvolverá entre o 1 e o 3 de novembro na contorna da Illa das Esculturas e a Xunqueira do Lérez.
O xornalista Terio Carrera foi o encargado de conducir o acto de presentación que contou coa participación do Ballet de Galicia, que dirixe Diego Landín desde 2019 en Marín.
Este campionato será a primeira vez que se celebre en España e concentrará en Pontevedra a 24 seleccións nacionais e arredor de novecentos ciclistas nunha proba á que o público terá acceso gratuíto, a diferenza do que acontece cando se celebra noutros países europeos.
Rafa Domínguez, vicepresidente da Deputación de Pontevedra, foi a primeira autoridade que interveu no acto para destacar a vinculación entre o deporte e a cidade, ademais da colaboración entre a Xunta de Galicia, Deputación e Concello de Pontevedra para que se poidan realizar estes eventos de alcance internacional.
Pola súa parte, José Ramón Lete Lasa, secretario xeral para o Deporte da Xunta, destacaba o lema do campionato "Where the bikes bótanse ó lombo" e o traballo desenvolvido por numerosos ciclistas galegos.
Alberto del Río, director técnico da proba, afirmaba que o circuíto para o campionato será moi rápido con tres puntos artificiais, un deles cunha subida prolongada moi dura antes da entrada a meta.
O público terá a posibilidade de seguir o campionato na zona habitual da ladeira, accedendo desde Monte Porreiro.
Ademais, está prevista a instalación de pantallas para seguir a proba en streaming.
A continuación, Lorena Patiño, ciclista marinense de 17 anos; Lucía González e Felipe Orts, multipremiados deportistas, manifestaron que están a preparar con ilusión este campionato de ciclismo de inverno que supón o "primeiro pico de forma da tempada".
Pola súa parte, o presidente da Federación Española de Ciclismo, José Luis López Cerrón, deixou aberta a posibilidade de que acudan a Pontevedra Wout van Aert ou Mathieu van der Poel, dous dos mellores corredores de ciclocrós da historia deste deporte, aínda que manifestou a súa confianza no equipo ciclista español.
Quixo tamén destacar que "todo o mundo relacionará o Camiño de Santiago e Pontevedra" con esta proba europea.
Juan Carlos Muñiz, presidente da Federación Galega de Ciclismo, fixo un agradecemento especial ao alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, "pola aposta polo deporte do ciclismo e do deporte en xeral" durante os últimos anos.
Ambos dirixentes mesmo apostaban pola posibilidade de que Pontevedra chegue a acoller o mundial de ciclocrós no futuro.
As intervencións nesta presentación remataban con Fernández Lores mostrándose "moi orgulloso" de acoller o campionato europeo e asegurou que o goberno local mantén unha aposta polo deporte ao tratarse dunha inversión que repercute no turismo e no coñecemento da cidade.
"Cando veñen a visitarnos, quedan cun pouso e volven a Galicia", afirmou referíndose ás persoas que se achegan a Pontevedra, como sucederá nesta proba na que se espera a presenza de miles de persoas procedentes, sobre todo, do centro de Europa onde o ciclocrós é un deporte de masas.