150 días e descontando para o gran evento deportivo de 2019, o Festival Multideporte de tríatlon

Pontevedra
27 de novembro 2018

A organización dos campionatos do mundo de tríatlon que se celebrarán o próximo ano en Pontevedra fixo públicos os horarios definitivos do evento, que congregará preto de 4.000 deportistas na cidade do 27 de abril ao 4 de maio de 2019

Campionato de España de Tríatlon de Longa Distancia
Campionato de España de Tríatlon de Longa Distancia / Paula Sanmartín

A conta atrás para os campionatos do Mundo de tríatlon de 2019, o ITU Multisport Festival, que acollerá Pontevedra segue en marcha, a só 150 días de que comece o espectáculo.

Coincidindo con esta data, a organización do maior evento deportivo na historia da cidade deu a coñecer os horarios de cada unha das probas que se disputarán entre o 27 de abril e o 4 de maio do próximo ano.

Está prevista a chegada a Pontevedra de preto de 4.000 deportistas para participar nos campionatos do mundo, tanto en categoría elite como en grupos de idade, de dúatlon, tríatlon cros, acuatlón, aquabike e tríatlon de longa distancia.

A disciplina encargada de abrir fogo será o dúatlon cos grupos de idade en distancia sprint o sábado 27 de abril ás 8:00 horas. O mesmo día, ás 11:45 horas, disputarase a proba júnior feminina, ás 13:45 a masculina, pechando a xornada as categoría elite e sub-23 feminina (15:45 horas) e masculina (18:45 horas). Pola súa banda o domingo 28 de abril será a quenda do dúatlon en distancia standard con saídas para os grupos de idade a partir das 8:00 horas e ata as 8:50, que comezará a carreira open feminina. Ás 14:00 disputarase o Campionato do Mundo de Dúatlon Paratríatlon, e pola tarde as probas de remudas, coa categoría elite e júnior a partir das 17:30 horas.

Tras unha xornada de descanso, tomará a testemuña o campionato do mundo de tríatlon cros, o martes 30, con saídas júnior ás 13:30 horas e paratríatlon ás 13:40 horas. As carreiras elite e sub-23 serán ás 15:30 e 15:35 horas nas categorías masculina e feminina, mentres que os grupos de idade competirán a partir das 15:45 horas.

O mundial de  acuatlón celebrarase o xoves 2 de maio a partir das 15:00 horas, cando tomarán a saída deportistas elite, sub-23 e júnior. Ás 15:30 será a saída de paratríatlon e a partir das 16:00 as de grupos de idade e categoría open.

Por último o sábado 4 de maio chegará unha das carreiras máis esperadas cos campionatos do mundo de tríatlon de longa distancia, ademais do de aquabike. Na distancia longa, onde defende título o pontevedrés Pablo Dapena, a saída darase ás 8:00 horas para a deportistas elite e ás 8:10 horas para o  paratríatlon, mentres que ás 8:25 sairán os grupos de idade. Pola súa banda as saídas de aquabike están previstas desde as 9:15 horas.