11.000 adhesivos en defensa de Roelio, 'a mascota máis fea do deporte'

Pontevedra
24 de xuño 2015

É fea, pero é nosa. O Pontevedra Club de Fútbol saíu en defensa de Roelio despois de que o diario catalán El Mundo Deportivo o incluíse como número un no artigo 'as mascotas máis feas do deporte'. O club granate distribuirá o sábado 11.000 adhesivos co lema 'Eu tamén son Roelio'

Xogadores e conselleiros do Pontevedra con Roelio, mascota do club, na Praza da Estrela
Xogadores e conselleiros do Pontevedra con Roelio, mascota do club, na Praza da Estrela / PontevedraViva

É fea, pero é nosa. Con esa idea reaccionou o Pontevedra Club de Fútbol despois de que o diario catalán El Mundo Deportivo incluíse a Roelio no número uno de 'as 10 mascotas máis feas do deporte'.

A mascota granate, que evoca aos mellores anos do club nunha homenaxe en forma de óso ao 'Hai que Roelo', comparte a dubidosa honra de formar parte desta lista xunto ás mascotas de eventos como Italia 90, os Xogos Olímpicos de Atlanta 96 e Sidney 2000 ou a do Stoke City británico.

Tras coñecer este artigo o Pontevedra reaccionou anunciado que repartirá o vindeiro sábado, coincidindo co encontro de volta ante o Haro Deportivo, 11.000 adhesivos co lema 'Eu tamén son Roelio'.

Unha forma de defender un boneco cargado de simbolismo e unha idea que agardan dende o club conte co respaldo dos afeccionados.

VENDA DE ENTRADAS NO CENTRO

A venda de entradas para o vital partido do sábado avanza a bo ritmo. Para facilitar que se repita a fantástica entrada rexistrada ante o Mensajero, día en que se rozou o cheo, a directiva granate decidiu habilitar un punto de venda no centro da cidade.

Desta forma os seguidores poderán achegarse á Cafetería Central durante as xornadas de xoves e venres en horario de 11:00 a 21:00 horas.