Non hai rede de seguridade. Quedan 90 minutos por diante para lograr unha remontada histórica ou despedirse da tempada coa cabeza erguida. Sábeo un Pontevedra que viaxa a Murcia coa ilusión de voltear o 1-3 da ida e seguir vivo na loita polo ascenso a Segunda División.
Os granates visitan este domingo (19:00 horas, en directo pola TVG2) a Nueva Condomina no que é o desprazamento máis longo da tempada (1.016 quilómetros).
Por este motivo a expedición pontevedresa partía a última hora do venres desde a cidade de Lérez coa idea de facer noite no camiño e chegar a Murcia tras realizar o sábado unha última sesión de adestramento na Cidade Deportiva Andrés Iniesta de Albacete.
O plantel preparou a coinciencia o encontro, no que Luisito introducirá variantes para gañar opiones ofensivas que permitan ao equipo poñerse por diante no marcador intentando poñer nervioso ao cadro pimentonero.
Mario Barco é a única ausencia por lesión, xa que a pesar de estar practicamente recuperado da súa lesión muscular chega moi xusto á cita. Ademais da baixa do goleador, o técnico granate deixou fóra por decisión técnica a Capi e a Miki.
Desta forma a convocatoria do equipo para o choque en Murcia compóñena: Edu, Santi Canedo, Adrián, Miguel Loureiro, Bruno, Bonilla, Portela, Jacobo Trigo, Álex Fernández, Álex González, Kevin Presa, Mouriño, Eneko, Jacobo Millán, Iker Alegre, Mateu, Abel Suárez e David Añón.
O colexiado designado para arbitrar o encontro é o balear Santiago Varón Aceitón.
SUSPENDIDO A VIAXE ORGANIZADA POLO CLUB
Aínda que haberá seguidores pontevedreses na Nueva Condomina, serán só os que se despracen polos seus propios medios, ao suspender o club a viaxe organizada ao non completar o autobús que se puxo a disposición dos seguidores.