Xa é unha cita tradicional na Praza da Ferrería durante as festas da Peregrina. A Banda de Música de Pontevedra e a Banda de Salcedo ofrecen o "Concerto man a man" con presenza de numeroso público. Nesta ocasión, o concerto tiña aínda un motivo máis de festividade ao cumprirse o 25 aniversario da Asociación San Martiño de Salcedo que foi a base da creación da banda.
O repertorio centrouse na interpretación de pasodobres. O primeiro que interpretou a Banda de Música de Pontevedra dirixida por Juan Lois Diéguez foi El último brindis. A de Salcedo iniciou o concerto con Bagaxes baixo a dirección de José Alfredo Sánchez Murcia.
Centos de persoas déronse cita na praza e é que xa unha hora antes, as cadeiras instaladas para o concerto eran ocupadas por numerosos afeccionados a este duelo interpretativo.
HOXE, NOITE DE BOLEROS
Esta noite, a Banda de Música de Pontevedra tamén será protagonsita na "Noite de boleros" baixo a dirección de José Luís Represas. Cantantes como Sito Sedes ou Paco Lodeiro pasarán pola Praza da Ferrería nun espectáculo presentado por Xurxo Souto.