Yllana saca o mellor dos sorrisos do público con 'Star Trip' no Salón do Libro

Pontevedra
23 de marzo 2015

Pais e nenos gozaron con este divertido espectáculo sobre a ciencia ficción e o terror científico que este domingo e este luns se escenifica no Pazo da Cultura

'Star Trip', de Yllana no Salón do Libro 2015
'Star Trip', de Yllana no Salón do Libro 2015 / Diego Torrado

Humor negro, absurdo e sen palabras. As claves dos espectáculos dacompañía Yllana volven entusiasmar ao público pontevedrés a través do espectáculo Star Trip, que se representa dentro das actividades previstas no Salón do Libro no Pazo da Cultura.

A historia deste espectáculo lévanos ao espazo onde catro astronautas que levan cincuenta anos hibernando nunha nave espacial intentan localizar vida intelixente no universo para eliminala. Utilizando diversas referencias cinematográficas, a montaxe ofrece como é o día a día da tripulación con escenas moi divertidas e espectaculares visualmente.

Durante este luns 23 de marzo, o Pazo acolle un obradoiro de alumnos da Facultade de Ciencias da Educación que realizarán pocións e tinta invisible ás 17.30 e ás 18.30 horas.

E ás 18.00 horas desenvólvese unha sesión de contacontos a cargo de Marta Ortiz de Tropa de Trapo que contará a historia de Lila, a nena que quere ser científica.

Ás 19.00 horas presentouse o libro-disco 'A gramola gominola', un novo proxecto de música infantil que conta coa participación de diferentes artistas como Mini e Mero, Luís Tosar, Ghede Beat ou Alberto Cereijo con ilustracións de Lidia V. Cardeiro.