Xosé Luís Mosquera e Lois Pérez Díaz, novos Premios Johan Carballeira de poesía e xornalismo

Bueu
23 de abril 2024

O xurado acordou conceder o premio na categoría de poesía a Xosé Luís Mosquera coa obra Trece maneiras de mirar un almanaque. Na categoría de xornalismo gañou Lois Pérez Díaz coa reportaxe 'Eloxio do apenovismo', publicada orixinalmente na revista Luzes

Xurado dos Premios Johan Carballeira de Poesía
Xurado dos Premios Johan Carballeira de Poesía /

Os Premios Johan Carballeira que cada ano convoca o Concello de Bueu xa teñen novos gañadores. Xosé Luís Mosquera foi recoñecido na categoría de poesía e Lois Pérez Díaz na de xornalismo. 

Os membros do xurado reuníronse na tarde deste luns para decidir os novos merecedores destes premios que naceron coma unha homenaxe ao político, poeta e xornalista de Bueu José Gómez de la Cueva, máis coñecido como Johan Carballeira, quen tamén fora alcalde de Bueu ata o seu asasinato a mans dos franquistas.

O xurado do premio na modalidade de poesía compuxérono Manuel López, poeta e gañador da edición anterior, Oriana Méndez, poeta e crítica literaria, e Xosé Henrique Costas, profesor da Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo e escritor.

Nesta categoría presentáronse 55 poemarios e acordaron conceder o premio na categoría de poesía a Xosé Luís Mosquera coa obra Trece maneiras de mirar un almanaque. Da obra destacaron que "aTrece maneiras de mirar un almanaque no propio devir do poemario".

Ademais, o xurado considerouna "unha proposta poética que destaca por combinar con habelencia múltiples rexistros dende o culto ao popular, con imaxes inesperadas e fragmentos de maior narratividade". Todo iso leva a que "o poemario acade un resultado exitoso que contribúe a consolidar o panorama poético das nosas Letras".

O xurado na categoría de xornalismo estivo composto por Héctor Pena, xornalista do Nós Diario e gañador da anterior edición, Carolina Sertal, xornalista de Faro de Vigo, e Manuel A. Mosteiro, presidente da Asociación de Amigos de Johan Carballeira.

Nesta categoría presentáronse 23 traballos e gañou Lois Pérez Díaz coa reportaxe 'Eloxio do apenovismo', publicada orixinalmente na revista Luzes. O xurado valorou "a interrelación entre cultura e construción da AP-9".

Ademais saliéntase "a orixinalidade á hora de abordar unha temática árida como as infraestruturas e capta a atención do lector/a dende o primeiro momento, facendo atractiva este tipo de información". Así mesmo, "é moi interesante o percorrido de Norte a Sur que fai ou autor recollendo espazos e momentos históricos moi ben imputados co trazado da AP-9". 

A entrega dos premios vai ter lugar nun acto público que se celebrará arredor das Letras Galegas. Cada galardón supón 1.500 euros. 

Xosé Luís Mosquera Camba é un poeta nado en 1961 en Guísamo (A Coruña), que exerce como profesor de secundaria dende o 1990. Como poeta, publicou varios libros que mereceron algúns dos mellores premios de poesía da Galiza, caso de Nadja c'est moi (X Premio Concello de Carral), Amebas (Accésit do XXVII Premio Esquío de Poesía), Das árbores tropicais e do amor (XX Premio Concello de Carral), A traxedia da arquitectura (IV Premio Xosé María Díaz Castro) ou Parhelio (XX Premio Fiz Vergara Vilariño).

Lois Pérez Díaz (Lugo, 1979) é mestre, contador de historias, poeta, escritor e guionista, e colaborador de diversos xornais galegos. Ten ás súas costas diversas obras de poesía e literatura infantil e xuvenil. Con A gruta da torre gañou o V Premio Agustín Fernández Paz de Narrativa Infantil e Xuvenil pola Igualdade e con A tribo do mar, o XVI Premio Raíña Lupa de Literatura Infantil e Xuvenil.