Non estaban todos en PortAmérica. Faltaban tres sorpresas. A organización do festival, que se celebrará en Caldas de Reis por segundo ano consecutivo entre os días 5 e 7 de xullo, reservárase un as na manga.
Xunto coa trintena de concertos xa anunciados, incorpóranse ao seu cartel Xoel López e as bandas Pasajero e Jenny and the Mexicats. Son as últimas confirmacións para a sétima edición do festival.
Aproveitando este anuncio, PortAmérica tamén desvelou a repartición por días das bandas e artistas que subirán aos dous escenarios que se habilitarán na carballeira de Caldas.
Así, o xoves 5 de xullo actuarán Imelda May, La Pegatina, Pussy Riot, Jenny and the Mexicats, Los Auténticos Decadentes, Chico Trujillo, Los Caligaris, Azul Violeta, Mitú e Carlos Méndez.
Vetusta Morla, La Habitación Roja, Viva Suecia, Neuman, Miranda!, We Are Standard, La Vida Boheme, Iseo & Dodosound with the Mousehunters, Habitación Vudú, Arturo Paniagua DJ e o grupo gañador do concurso Sons Mans serán a oferta do venres 6 de xullo.
A última xornada de PortAmérica, o sábado 6 de xullo, estará reservada para Izal, Xoel López, El Columpio Asesino, Mexrrissey, ElyElla, Los Coronas, Pasajero, We The Lion, Shinova, Jacobo Serra, Luis Brea y el miedo e Pardo.
O abono para os tres días de festival está á venda por 60 euros, mentres que as entradas diarias teñen un custo de 30 euros.