Xardín Desordenado reinterpreta a Carvalho Calero para celebrar as Letras Galegas

Pontevedra
22 de outubro 2020

Xardín Desordenado, unha banda galega que leva máis dunha década musicando a obra de diversos poetas, foi a opción elixida para celebrar no Museo de Pontevedra un concerto homenaxe a Carvalho Calero, o autor ao que se lle dedica o Día das Letras Galegas 2020

Concerto de Xardín Desordenado en homenaxe a Carvalho Calero
Concerto de Xardín Desordenado en homenaxe a Carvalho Calero / Deputación de Pontevedra

Xardín Desordenado, unha banda galega que leva máis dunha década musicando a obra de diversos poetas, foi a opción elixida para celebrar no Museo de Pontevedra un concerto homenaxe a Carvalho Calero, o autor ao que se lle dedica o Día das Letras Galegas 2020.

Cun aforo reducido polas restricións da covid-19, o espazo multidisciplinar situado na planta baixa do Museo foi o lugar onde este grupo puxo música ao sentir poético de Carvalho Calero.

A través das pezas interpretadas, Xardín Desordenado tratou temas transcendentais para o autor galego, a súa relación co seu Ferrol natal, a súa vertente social ou mesmo a importancia que tiñan para el os seus encontros cos amigos. 

A programación conmemorativa das Letras Galegas 2020 en Pontevedra continuará o próximo venres 30 de outubro, ás 20.00 horas e tamén no Museo, co espectáculo Eterna e Múltipla da compañía O fruto e a serpe.

Trátase dun híbrido entre un recital, un concerto e un faladoiro, no que a idea principal é o diálogo interxeneracional e interxénero co Carvalho Calero máis poético e erótico.